Site icon Crónica3.com A Mariña

Candia: “Temos un pacto cos lucenses polo que materializaremos canto antes o noso proxecto de Goberno”

goberno-provincialA presidenta de Deputación de Lugo, Elena Candia, afirmou este sábado que o novo goberno da institución lucense ten “un pacto cos veciños desta provincia e a eles nos debemos”, polo que “temos que materializar canto antes o noso proxecto” e con este obxectivo “damos a coñecer, aos poucos días de constituírse a Corporación, o reparto de áreas de goberno”.

A presidenta da institución provincial explicou que distribuíron o equipo tras visitar aos traballadores da Deputación e despois de reunirse cos Xefes de Servizo que “nos fixeron chegar as prioridades”. Así, Candia anunciou este sábado a estrutura do goberno provincial que asume como primeiro compromiso “velar pola boa imaxe da institución e por garantir o normal funcionamento da Deputación de Lugo”.

“Parecíanos moi importante distribuír xa as áreas, dado que a provincia necesita desta institución e temos un proxecto que materializar”, reitera a presidenta da Deputación de Lugo.

Reparto de Áreas de Goberno

O deputado José Antonio García López, será o vicepresidente primeiro e o responsable da Área de Emprego e Demografía.

A deputada Mari Teijeiro, será a vicepresidenta segunda e a responsable da Área de Benestar, Igualdade e Xuventude.

José Pardo Lombao será o deputado delegado de Goberno Interior, Asistencia e Cooperación cos Concellos; Francisco Javier Balado Teijeiro será o responsable de Cultura; Jesús Carreira Ferreiro, de Xestión Territorial e José Manuel Yanes Ginzo, de Deportes.

A presidenta da Deputación Provincial fixo fincapé na creación dunha Delegación de Pesca ao tratarse “dun sector moi importante na nosa provincia, sobre o que lideramos diferentes iniciativas mentres estabamos na oposición e que, pese a non ter competencias directas, temos a obriga de atender aos intereses deste sector”. A Delegación de Pesca integrarase na Área de Economía, Recadación e Facenda, cuxas competencias serán responsabilidade de José Demetrio Salgueiro Rapa.

O deputado Manuel Jesús González Capón será o responsable de Medio Ambiente; José Ulla Rocha de Medio Rural; Ramiro Moure Ansoar de Formación, Participación Cidadá e Novas Tecnoloxías; e Juan Carlos Armesto Quiroga será o deputado delegado de Turismo, Patrimonio e Centro de Artesanía e Deseño.

Por último, a portavocía do grupo de goberno será asumida por Juan Carlos Armesto Quiroga, mentres que o vicevoceiro será José Demetrio Salgueiro Rapa.

*Imaxe do equipo de goberno da institución provincial. De esquerda a dereita, na primeira fila: o vicepresidente primeiro e deputado delegado da Área de Emprego e Demografía, José Antonio García López; a presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia; a vicepresidenta segunda e deputada delegada de Benestar, Igualdade e Xuventude, Mari Teijeiro; e o voceiro do goberno e delegado de Turismo, Patrimonio e responsable do Centro de Artesanía e Deseño, Juan Carlos Armesto Quiroga. Na segunda fila: o deputado delegado de Deportes, José Manuel Yanes Ginzo; o deputado delegado de Medio Rural, José Ulla Rocha; o vicevoceiro e deputado delegado de Pesca, Economía, Recadación e Facenda, Demetrio Salgueiro e o deputado delegado de Goberno Interior e Asistencia e Cooperación cos Concellos, José Pardo Lombao. E, na terceira fila: o deputado delegado de Formación, Participación Cidadá e Novas Tecnoloxías, Ramiro Moure; o deputado delegado de Xestión Territorial, Jesús Carreira Ferreiro e o deputado delegado de Medio Ambiente, Manuel Jesús González Capón. Francisco Javier Balado Teijeiro, deputado delegado de Cultura, non puido asistir á presentación.

Exit mobile version