A alcaldesa explica que “lle fixemos chegar propostas moi interesantes para a localidade” e, deste xeito, acadar un uso máis eficiente de todos os recursos que ofrece, o que permitirá que o Camiño Norte contribúa a ser un motor importante para a cidade.
Candia anuncia que unha das principais peticións que lle trasladou ao xerente é a de estudar o cambio de ubicación do Centro de Interpretación do Camiño de Santiago. A rexedora propón como nova localización o Centro Cultural da Alcántara, o que, segundo Candia, permitiría un uso “máis eficiente dos recursos”. “O Centro Cultural da Alcántara esta preto do albergue de peregrinos e así poñeríase máis en valor a información que aporta”, explica.
De igual maneira, a alcaldesa de Mondoñedo tamén lle comunicou ao xerente do Xacobeo a intención de poñer en marcha varias campañas de comunicación coa finalidade de “acadarmos un maior aproveitamento do Camiño como recurso”.
Por último, a popular matiza que o Concello fará unha aposta “seria” e “decidida” para a posta en valor deste recurso.