Site icon Crónica3.com A Mariña

Celebrada a asemblea xeral ordinaria de FAPACEL este sábado 13

Lugo, 13 de xuño de 2015.- FAPACEL, a Federación de ANPAS (Asociación de nais e pais) dos centros de ensino públicos da provincia de Lugo celebrou este sábado 13 de xuño na Casa da Xuventude de Lugo unha asemblea xeral ordinaria, na que renovou parte da súa xunta directiva. Aprobouse a candidatura de Luís Blanco, da ANPA do IES Sanxillao de Lugo como novo presidente; Adela Soler (CEIP San Xoan de Becerreá), vicepresidenta; Belén Díaz (CEIP As Mercedes de Lugo) secretaria; Nieves Vergaz (IES Sanxillao de Lugo), tesoureira; e coma vogais, a Mercedes Fra (CEIP Laverde Ruiz, de Outeiro de Rei), Isabel Calvete (CPI de Cervantes); Xosé Marccelino Villarino (CEIP nº 1 de Foz), Elisa Pérez (CEIP Vista Alegre de Burela) e Froilán Pallín (IES Nosa Sra. Ollos Grandes, de Lugo).

Tratáronse temas que preocupan ou afectaron á comunidade educativa, como foi o caso das reválidas en 3º de Educación Primaria e ás que desde Anpas Galegas se recomendou non enviar aos nenos ese día aos centros para non facelas, xa que é a base para a clasificación de centros polos resultados, o que pode dar lugar a diferenzas e discriminación á hora de provelos de recursos.

Tamén se tratou o tema do fondo solidario de libros para 3º e 5º de primaria e 2º e 4º de ESO, inviables porque en moitos centros non se cambiaron os libros o curso pasado, e agora non teñen libros para o fondo. E se eses libros non aparecen como devoltos na aplicación xestionada polos centros, os demandantes non poden optar polas axudas destinadas á adquisición dos libros do curso seguinte. Ademais esíxelles aos responsables dos centros educativos un esforzo que sobrepasa á súa capacidade de xestión, xa que a maioría dos centros de primaria non contan con persoal administrativo; e se solicita axuda ás ANPAS, que non están polo labor de axudar despois de que a administración acabara co sistema de préstamo universal, moito máis barato, xusto e fácil de xestionar. É por isto polo que están convocadas CONCENTRACIÓNS POLA GRATUIDADE UNIVERSAL DOS LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR o LUNS 15 de XUÑO por distintos puntos de Galicia, e que en LUGO será ás 20:00 diante do edificio administrativo da Xunta de Galicia.

Tratouse tamén do que é, se revisamos a hemeroteca, un problema recorrente polos meses de maio en Lugo: a falta de prazas para o alumnado de 3 anos na zona sur e que, cos datos do censo de Lugo por distritos, aínda empeorará o curso que vén se non se toman medidas de ampliación dalgún centro desta zona ou a construción dun novo centro que dea servizo á zona de maior crecemento demográfico da cidade.

Falouse dos contínuos recortes e dos peches de centros: por exemplo, o que afecta á zona da montaña, co peche do colexio de Doiras; o problema do CEIP Sagrado Corazón de Lugo, que a dous anos de que remate a cesión dos terreos segue sen haber visos dun colexio novo, e ao que se suma agora, ademais, o peche da gardería que depende da obra social de ABANCA.

Recortes de servizos que a cidadanía non pode consentir, e a cuxos afectados FAPACEL apoiará nas súas reivindicacións, ademais de denunciar os problemas e deficiencias existentes, e traballar para acadar un ensino público de calidade.

Exit mobile version