Site icon Crónica3.com A Mariña

CIG-Saúde A Mariña celebrou unha concentración no Hospital da Costa contra o peche de camas e o desmantelamento da sanidade pública

deitada-hcostaBurela 10 xuño 2015-.Traballadoras, traballadores e veciñanza da Mariña participaron este mércores na concentración convocada pola CIG-Saúde A Mariña ás 11.30 horas na entrada do Hospital da Costa para denunciar o peche de máis de 1.200 camas durante o verán, 30 delas na Mariña, o peche de quirófanos e a paralización da actividade, mentres se mantén ou incrementa na sanidade privada. Xunto a isto, a federación da saúde alerta da destrución de emprego público e da precarización das condicións laborais no sector que isto provocará.

A CIG-Saúde acusa á conselleira de Sanidade de “irresponsábel” por pretender culpabilizar ás traballadoras e traballadores do SERGAS ao afirmar que o peche de camas se debe ás vacacións do persoal.

Lonxe disto, a CIG-Saúde afirma que “o peche de camas non está motivado polos 30 días de vacacións do persoal” e asegura que “é unha decisión do PP para incrementar o desmantelamento da sanidade pública”.

De feito, explica que mentres miles de aspirantes agardan meses ata que se actualizan as listas de contratación, o SERGAS pecha centos de camas no verán, mobilizando persoal fixo a outros servizos para substituír as ausencias por vacacións. “Con isto colápsanse as urxencias e aumentan as listas de espera mentres miles de profesionais están no paro”.

O SERGAS deriva á sanidade privada
Para a CIG-Saúde é especialmente preocupante o que suporá no eido asistencial o peche de camas. “Implicará que a Lei de Garantías non se poida cumprir na Sanidade Pública, xa que esta lei recolle que a espera para unha intervención cirúrxica sexa de, como máximo, 60 días e co peche de camas será imposíbel garantir a atención ás e os doentes nese prazo”.

A CIG-Saúde alerta de que a consellaría de Sanidade o que pretende realmente co peche de camas é provocar a derivación de doentes á sanidade privada. Lembra que xa no seu momento denunciou que na Lei de Garantías se recolle que de non cumprirse os prazos previstos na sanidade pública a atención sanitaria será realizada na sanidade privada.

Tal é así que mentres pechan camas nos hospitais públicos mantense e mesmo se incrementa, durante ese período, a actividade na privada, desde a actividade cirúrxica até a realización de probas diagnósticas.

Estes son, para a CIG-Saúde, os verdadeiros motivos do peche de camas e da paralización da actividade nos hospitais públicos.

Exit mobile version