Site icon Crónica3.com A Mariña

Controlado o incendio declarado no lugar das Aceas na parroquia ribadense de Ove

incendio-oveRibadeo, 26 de xuño de 2015. O incendio declarado este mediodía en As Aceas, na parroquia ribadense de Ove, xa foi controlado. Todo apunta a que o lume foi provocado, segundo o alcalde, Fernando Suárez, porque esta non é a primeira vez que se produce un feito similar no mesmo lugar.

O rexedor dixo que “contra o mediodía tivemos unha alerta dun novo conato de incendio na N-642 na parroquia de Ove, no lugar de As Aceas. E digo un novo conato porque xa non sei cantos van nestes últimos tempos, nestes últimos meses, nestes últimos anos nos que nesta estrada sempre se producen a unha beira ou á outra, tanto á que vai á ría como a que vai cara o monte, conatos de incendio”.

Para Suárez Barcia trátase “de alguén desalmado, que non ten dolo, que non ten piedade nin coa natureza, nin co medio ambiente, nin con nada e está empeñado en queimar esta zona. O que pasa é que hai que contrapoñer a esta xente mala, que algún día caerá máis cedo que tarde, esa outra boa xente que fai todo o posible para que isto quede nun susto. Refírome ao servizo de voluntarios de Protección Civil do Concello de Ribadeo, á Policía Local, á Garda Civil, á brigada de distrito de extinción de incendios. Entre todos para apagar o lume e para regular o tráfico para que non haxa pánico en toda esa zona estivéronse aplicando e finalmente está todo controlado”.

O alcalde manifestou que “non deixa de ser unha amargura ver sistematicamente cando hai bo tempo e sopra algo o vento cálido sempre temos incidentes aquí nesta parroquia de Ove, concretamente na beira da estrada N-642. Espero que co esforzo de todos e co apoio da cidadanía esta mala ou malas persoas acaben caendo e acaben rendendo contas diante de quen teñen que rendelas”.

Exit mobile version