Site icon Crónica3.com A Mariña

Cupeiro recolle en Ribeira as bandeiras azuis que ADEAC concedeu ás praias de Ribadeo

azuis-ribadeo-15Ribadeo, 8 de xuño de 2015. O concelleiro de Medio Ambiente en funcións, Horacio Cupeiro, recolleu en Ribeira as bandeiras azuis que Adeac lle concedeu ás praias de As Catedrais e As Illas-Castros así coma ao sendeiro azul que vai desde o faro ata o muíño de mareas da Vilavella. O Concello de Ribadeo tamén obtivo unha distinción temática en información e educación ambiental.

O edil nacionalista explicou que “hoxe Adeac fíxonos entrega na praia de Coroso, en Ribeira, das bandeiras azuis concedidas ás praias de As Catedrais e Illas-Castros, ademais do sendeiro azul que vai desde o faro da Illa Pancha ao muíño de mareas da Vilavella. Tamén nos fixeron entrega dunha distinción temática por información e educación ambiental. Tan só dous concellos de España gozan desta distinción que son Arnuero, en Cantabria, e máis o noso: Ribadeo”.

Horacio Cupeiro considera que “todos estes galardóns demostran o esforzo que debemos facer para dar unha garantía de solvencia medio ambiental cara os visitantes, que ano tras ano acoden ás nosas praias e cada vez en maior cantidade. Debemos continuar nesta boa liña, de mellora continua, na que está inmerso o noso concello a través do seu sistema de xestión ambiental”.

O concelleiro de Medio Ambiente en funcións engadiu: “queremos desde o Concello darlle a noraboa ao Real Club Náutico de Ribadeo por tan honroso galardón, que tamén acaba de recibir”.

Exit mobile version