Coas baixas de Rocío Varela e Sara Cuíña, chegaban as laurentinas á final do campionato que as enfrontaba a un equipo con calidade en tódolos postos defendidos por xogadoras fortes.
O partido comezaba igualado; aínda que as viguesas tiñan claro que preto da canasta tiñan a súa mellor opción debido á súa superioridade castigando ás lucenses unha e outra vez ata que no segundo cuarto tomaron a súa maior vantaxe.
Cos 14 puntos de desvantaxe saían do descanso conseguindo remontar ata 4 grazas a boas accións ofensivas e do gran traballo de Uxía que se encargaba de frear atrás os balóns interiores. Contaxiando ás compañeiras lograron levar o parcial; pero pensando no segundo partido da xornada, decidiron aguantar deixando que as rapazas do Celta conseguiran vantaxe.
O primeiro partido remataba cun resultado de DURÁN MAQUINARIA LOURENZÁ 47-CELTA 71.
Intentando estar moi ben dende o inicio para intentar manter tanteos curtos para ter opcións, as laurentinas enfrontábanse ó segundo partido con 6 xogadoras.
Comezaron mandando no marcador a pesar de que as viguesas demostraban a súa forza abusando preto dos taboleiros e poñendo trabas aos ataques das de Juan Nécega. Aínda así, mantíñanse no marcador e o tanteo era curta, tal e como planearan.
Despois do descanso, faltas de tensión na defensa, a xogadora rival que no primeiro partido lograran reter resarciuse cun festín de puntos preto da canasta. Deste xeito, o partido foise decantando a favor do Celta que, finalmente, se fixo coa primeira edición da Liga sub-22 cun segundo partido da final que rematou co seguinte marcador: CELTA 74- DURÁN MAQUINARIA LOURENZÁ 50.
Foi “un bonito torneo que esixiu demasiado ós equipos polas datas; pero que supuxo unha gran experiencia para o Durán Maquinaria Lourenzá” que se consolida como un dos mellores de Galicia.
Plantilla
A plantilla do equipo estivo formada por xogadoras sub-22 que este ano disputaron a Liga de Nacional no Durán Maquinaria Lourenzá (Rocío Varela, Tamara Montero, Sara Cuíña, Andrea Viador, Yana Botana, Elena Valín e Uxía Carreira, Ana Pedrouzo e Ana Fernández) coa incorporación de Margarita Moreira (Burela).