Site icon Crónica3.com A Mariña

Este venres péchase o prazo de inscrición de clans para a Festa Castrexa de Burela

Burela, 18 de xuño de 2015.- A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Burela xa está a ultimar os preparativos da 4ª Festa Castrexa, que se celebrará o primeiro fin de semana do mes de xullo.

Aínda que a Festa Castrexa mantén os seus principais trazos de identidade que lle deron éxito nos últimos tres anos, esta cuarta edición tamén presenta algunhas novidades, como a disposición dun “Poboado Castrexo” no recinto do porto de Burela. Esta idea naceu nas reunións que a directiva de Acia Burela mantivo con representantes dos Clans nos últimos meses, e a súa función consistirá en ambientar a zona do porto e facilitar a cada grupo un lugar onde poder reunirse durante o día e gardar parte dos seus aparellos castrexos.

Para poder dispoñer de praza neste peculiar “castro” os clans deben inscribirse previamente e alguilar as parcelas que necesiten para os seus membros. Cada parcela ten unha superficie aproximada de 40 m2 (8 x 5 m), ao prezo de 30 € cada unha.

Acia Burela marcou este venres 19 de xuño como a data límite para a inscrición dos Clans. Este ano proponse unha inscrición única que é obrigatoria para os clans que queiran formar parte da 4ª Festa Castrexa, cun prezo único de 60 € que permite participar ao grupo en todas as actividades da festa: desfile, poboado, xogos, busca do Torques e premios por caracterización.

Toda a información, contacto e ficha de inscrición pode descargarse das páxinas en facebook de Acia Burela e da Festa Castrexa.

Exit mobile version