Site icon Crónica3.com A Mariña

Foz acollerá un programa mixto de emprego dirixido á mocidade baixo a denominación ‘Ría do Masma’

Lugo, 11 de xuño de 2015.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, explicou este xoves que 41 concellos da provincia desenvolverán nos vindeiros meses obradoiros de emprego logo de que a comisión de valoración informara favorablemente cinco novos proxectos dirixidos á mocidade.

A Consellería de Traballo e Benestar habilitou este ano un programa específico de obradoiros de emprego para mozos e mozas de entre 18 e 25 anos en situación de desemprego.

Ao abeiro desta nova convocatoria, foi posible incorporar cinco iniciativas máis, nas que se involucran 16 concellos que darán formación a 80 traballadores e disporán dun orzamento global de 684.483 euros. Cabe subliñar que a existencia de crédito suficiente permitiu dar cabida a todos os proxectos que alcanzaron a puntuación mínima esixible na orde de convocatoria.

Deste xeito, segundo informou Arias, os obradoiros de emprego que se porán en marcha proximamente na provincia proporcionarán un contrato de traballo remunerado para a formación e aprendizaxe a preto de 300 traballadores, ademais dos postos de traballo que se crean para monitores, persoal administrativo e de dirección.

Serán en total 15 obradoiros, que suman un investimento superior aos 2,4 millóns de euros (2.478.483 euros). Os proxectos, que botarán a andar de forma progresiva nas vindeiras semanas, terán unha duración de seis meses.

Novas incorporacións
As iniciativas que foron seleccionadas nesta última convocatoria foron as seguintes: “Caíño tinto”, na que participan os municipios de Pantón, Sober e Saviñao; “Ulla-Miño III”, dos concellos de Palas de Rei, Antas de Ulla, Portomarín e Taboada; “Neira de Jusa III”, de Baralla, Láncara, As Nogais e Triacastela; “Asistencia Chaira sur”, de Guitiriz, Begonte, Rábade e Xermade, e o programa mixto de emprego Ría do Masma, do concello de Foz.

A delegada territorial destacou o esforzo da Xunta de Galicia por estender os programas formativos para mozos dirixidos á obtención de certificados de profesionalidade “coa finalidade de mellorar a empregabilidade, a cualificación e a inserción profesional da mocidade”.

Exit mobile version