Site icon Crónica3.com A Mariña

Garda Civil e Policía Local intensificarán as tarefas de vixilancia en Foz durante os meses de verán

Lugo, 29 de xuño de 2015.- O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Foz, Javier Jorge Castiñeira, copresidiron este luns a reunión ordinaria da xunta local de seguridade do municipio na que, entroutros asuntos, se abordaron os dispositivos que os corpos policiais porán en marcha durante os meses de verán, especialmente na zona dos areais e durante a celebración de eventos festivos, como é o caso das festas patronais de San Lourenzo, as do Carme ou o Festival do Emigrante de Vilaronte.

Aínda que o Concello irá deseñando os respectivos dispositivos de seguridade, atendendo á súa competencia, nesta xuntanza adiantouse que os efectivos de Policía Local intensificarán a súa labor para evitar incidentes no transcurso das distintas celebracións, e nas zonas e momentos de máis aglomeración de xente. A Garda Civil, pola súa banda, comprometeuse a traballar conxuntamente cos efectivos locais nas tarefas de vixilancia preventiva e de control da orde pública, así como de control do tráfico.

O traballo conxunto e coordinado dos corpos policiais con presenza en Foz favorecerá unha atención máis áxil e eficaz aos propios veciños e tamén aos visitantes que se achegan ou instalan na localidade durante a época estival, multiplicando a súa poboación.

SITUACIÓN DELINCUENCIAL
Os integrantes da xunta local de seguridade analizaron tamén, como é habitual, a situación da delincuencia no municipio. Así, atendendo aos datos correspondentes aos cinco primeiros meses do ano, os delitos mantéñense nos mesmos niveis do ano pasado en Foz, logo da reducción que se viña notando de xeito constante dende o ano 2012.

Nas estatísticas deste ano aprézase un descenso acusado nos delitos contra as persoas, mentras que soben lixeiramente os delitos contra o patrimonio, unha tipoloxía na que se inclúen os roubos, os furtos e as estafas, principalmente. Se ben, segundo se espuxo na xunta, pese a esa lixeira suba segue a tratarse de cifras “relativamente baixas”, cunha media de 6 delitos deste tipo por mes no que vai de ano. Na xuntanza recoñeceuse ademais o “bo traballo” levado a cabo polos efectivos dos distintos corpos policiais con presenza no municipio e destacouse o alto grao de eficacia acadado no esclarecemento dos delitos.

Nesta xuntanza participaron, ademais do subdelegado e o alcalde focense, representantes da Garda Civil, a Unidade de Tráfico, a Policía Autonómica e a Policía Local, entre outros.

COMISIÓN LOCAL DE SEGURIDADE EN XOVE
Logo da xuntanza de Foz, o subdelegado do Goberno desprazouse ata Xove onde, xunto ao alcalde, Demetrio Salgueiro, copresidiu a reunión da comisión local de seguridade (órgano similar á xunta local de seguridade, que pode constituirse nos municipios onde non existe Corpo de Policía Local).

Nesta xuntanza acordouse a colaboración da Garda Civil co Concello para garantir a seguridade nas celebracións do verán, especialmente nas festas patronais, e analizouse a situación da delincuencia no municipio. Neste senso, e segundo os datos oficiais, Xove rexistrou un descenso da delincuencia no que vai de ano, baixando tanto os delitos contra o patrimonio como os delitos contra as persoas. De feito, nestes meses non se denunciou no concello mariñano ningún feito delictivo desta última tipoloxía.

PLAN SEGURIDADE ESCOLAR
Nas xuntanzas deste luns, o subdelegado do Goberno informou tamén do traballo realizado polas Forzas e Corpos de Seguridade do Estado con algúns dos colectivos especialmente vulnerables, como é o caso dos maiores ou os escolares. Ramón Carballo referiuse así ao Plan director para a convivencia e mellora da seguridade nos centros educativos e as súas contornas. A Secretaría de Estado de Seguridade puxo en marcha dito plan no ano 2013 co obxectivo de informar a alumnado, profesorado e Anpas sobre temas como o acoso escolar, o consumo de alcohol e drogas, a violencia de xénero ou os riscos do uso inaxeitado de internet e as redes sociais.

Ao longo do curso que acaba de rematar, os axentes das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, coa colaboración da responsable da Unidade contra a violencia sobre a muller da Subdelegación do Goberno, impartiron un total de 13 charlas en centros educativos de Foz, e 4 en Xove.

No curso anterior, do 2013-2014, impartíranse 19 charlas en centros de Foz e 7 en Xove. Nese mesmo período, en toda a provincia beneficiáranse do plan 70 centros e ao redor de 14.500 persoas.

Os centros ou asociación interesadas poden solicitar a realización deste tipo de sesións formativas.

Exit mobile version