Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra: “A suspensión do debate do informe sobre o TTIP é un escándalo e unha burla a milleiros de cidadáns/ás”

Senra, cualifica de “escándalo” e “auténtica burla aos milleiros de cidadáns e cidadás que tiñan postas as súas expectativas no debate” a paralización do debate do informe de recomendacións do Parlamento Europeo á Comisión Europea relativas ás negociacións da Asociación Transatlántica de Comercio e Inversión (ATCI) -máis coñecido como o TTIP, Transatlantic Trade and Investment Partnership-, elaborado pola Comisión de Comercio Internacional do Parlamento Europeo (COM INTRA), e previsto inicialmente para este mércores ás 08.00 horas.

Unhas horas máis tarde da suspensión este martes da votación que ía ter lugar esta mañá, as eurodeputadas/os recibiron unha comunicación do Presidente do Parlamento Europeo, Martin Schulz, na que informaba que en base ao Artigo 152 do Regulamento decidira someter a votación a paralización definitiva do debate. Dita suspensión decidiuse a primeira hora deste mércores logo dun axustadisimo resultado de 183 votos a favor e 181 en contra.

Para a eurodeputada de AGEe, esta suspensión “responde a que non queren que se manifeste o descontento cada vez maior que hai co TTIP; a medida que a cidadanía vai sendo consciente do que se xoga, aumenta a presión”. Un intento á desesperada de “seguir negociando agochados como estiveron facendo ata agora”, procurando “que non se reflicta no Parlamento Europeo o que se está a dicir na rúa”.

De feito, se ben posibelmente a alianza conservadora e socialdemócrata tería conseguido a aprobación do informe de recomendacións, “o problema era a enmenda 27, que plantexa a anulación do tribunal de arbitraxe entre multinacionais e gobernos” -ISDS polas súas siglas en inglés-, “aí é onde había controversia, xa que supoñía anular estes pseudotribunais privados que pasarían mesmo por riba das leis que se deciden nos parlamentos”.

“O Partido Socialista europeo está moi dividido precisamente pola conciencia do que hai en xogo, pero o núcleo duro dos socialistas e conservadores estaban a favor do ISDS”, afirmou Senra, “o ISDS é a entrega da soberanía dos pobos ás corporacións transnacionais, e aí hai comprices”.

“Esta paralización foi un ataque á democracia”, concluíu a eurodeputada galega. “Desperdiciouse unha excelente oportunidade para que o Parlamento puidera dar a súa opinión e non o quixeron permitir para seguir negociando de costas á xente”.

Para AGEe, a situación vivida hoxe demostra unha vez máis que “o éxito para parar o TTIP vai acontecer na medida en que se coñeza que é, nesa medida seremos capaces de paralo”, e aí hai que poñer en valor “a campaña tan impresionante que se está a facer dende os movementos cidadáns para sacar o TTIP á luz”.

Lídia Senra participou tamén está mañá nas mobilizacións convocadas por organizacións sociais contra o TTIP en Estrasburgo.

Exit mobile version