Site icon Crónica3.com A Mariña

Lídia Senra accederá á sala de lectura dos documentos confidenciais do TTIP durante dúas horas

Bruxelas, 19 Xuño 2015. O vindeiro martes 23 de xuño a eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), Lídia Senra, accederá á sala de lectura onde se atopan depositados os documentos confidenciais do TTIP (Transatlantic Trade and Investment Partnership) no Parlamento Europeo (PE), a “reading room”.

Como todas as eurodeputadas/os, Senra poderá acceder á sala durante un máximo de dúas horas, neste caso de 10.30 a 12.30hrs., e sempre acompañada por persoal do PE. Previamente tivo que pedir cita e concretar os documentos exactos que quere revisar. Non poderá levar teléfono nin bolígrafo, nin tan sequera papeis en branco, xa que o material necesario para tomar notas proporcionaranllo dentro e será revisado antes de saír -os folios nos que poderá escribir irán identificados co seu nome-. Unha vez dentro, terá que asinar varios compromisos de confidencialidade.

Diante da solicitude de consulta desta documentación, o propio Parlamento remitiu á deputada de AGEe un “briefing de seguridade” de 15 páxinas de extensión, condicionando a súa consulta na reading room a que confirme a recepción, lectura e asunción destas indicacións, remitíndolle esta confirmación á Unidade de Información Clasificada.

Chama especialmente a atención o feito de que este documento aluda a que o tratamento da Información Clasificada da UE (ICUE) ríxese pola Decisión da Mesa do Parlamento Europeo do 15 de abril de 2013, relativa á Regulamentación sobre o tratamento da información confidencial polo Parlamento Europeo, que entrou en vigor o 1 de abril de 2014, unhas datas que se corresponden co proceso de negociación do TTIP e o TISA (Trade in Services Agreement), iniciados a principios do 2013 e con perspectiva de continuar alomenos até 2016.

A deputada galega reiterou que o procedemento para a lectura dos documentos do TTIP “é un dos máis claros exemplos de que as institucións europeas están moi lonxe de manterse ao servizo da cidadanía”. “Este proceder é totalmente antidemocrático”, proseguiu, “en primeiro lugar porque fai alarde da ocultación de información á sociedade europea e, en segundo termo, porque evitando que as deputadas podamos valorar e dar a coñecer esta información están bloqueando a nosa responsabilidade con respecto á sociedade á que representamos”.

Cómpre lembrar que a habilitación desta sala xurdiu como un xeito de tentar aplacar as críticas e presións das organizacións sociais e partidos ao respecto do segredismo nas negociacións.

AGEe ten rexistrado ao longo desta lexislatura varias preguntas parlamentarias relativas aos tratados de libre comercio que está a negociar a Unión Europea: Protecção das indicações geográficas no TTIP (Setembro 2014), Impacto do TTIP na agricultura (Setembro 2014), Cessões em agricultura no CETA (Outubro 2014), CETA e protección de indicacións xeográficas (Novembro 2014), Segurança alimentar nas negociações do TTIP (Marzo 2015), CETA e Edgewater na Galiza (Outubro 2014). Asemade, xunto con outras deputadas da Esquerda Plural, presentamos o pasado día 10 de xuño unha batería de preguntas contra o TISA.

Senra, xunto con deputadas/os do Grupo Confederal da Esquerda Unitaria Europea/Esquerda Verde Nórdica (GUE/NGL) -onde AGEe está integrada-, participou tamén na acción de denuncia realizada en outubro do ano pasado diante da sala de lectura dos documentos do TTIP e ten feito varias intervencións en sesión plenaria e na Comisión de Agricultura -onde é titular para o GUE/NGL- chamando a atención sobre as graves consecuencias que os tratados de libre comercio teñen para a cidadanía.

O pasado día 10 de xuño, durante a controvertida Sesión Plenaria en Estrasburgo onde foi suspendido o debate e votación do informe de recomendacións do Parlamento Europeo á Comisión Europea relativas ás negociacións do TTIP a eurodeputada galega presentou en rolda de prensa, xunto con outras/os eurodeputadas/os da esquerda estatal, o manifesto “Unha marea contra o TTIP”. Posteriormente participou na acción de denuncia convocada por organizacións sociais ás portas do Parlamento.

Exit mobile version