Foz, 3 de xuño de 2015.- Lorena Seivane recórdalle aos demais partidos que o voto do BNG é determinante para conformar calquera novo goberno e advírtelles que deixen de lado personalismos que non levan a ningures e que miren so e exclusivamente polo ben de Foz. En palabras da responsable local do BNG: “vexo aos partidos so preocupados polas persoas e de quen vai a sentarse na alcaldía pero non vexo que se fale de programas e propostas para mellorar Foz e darlle o cambio que necesita”.
Lorena Seivane tamén afirma que “o BNG recolleu a mensaxe de que o pobo de Foz non quere maiorías absolutas e ordenoulle aos partidos políticos que chegaran a acordos programáticos para gobernar. Polo tanto, so un acordo comprometido cos puntos básicos do programa do BNG-AA poderá ir adiante “.
Como defendemos durante toda a campaña, o BNG non vai a gastar un só euro en obras faraónicas ou imposibles de manter (megaportos, auditorios ou pistas cubertas), como defendían os outros partidos, senón que comezaremos a casa polos cimentos, adecentando o pobo, facendo as obras co persoal do concello, cobrando a todo o mundo por igual e dándolle aos veciños o protagonismo que durante moitos anos se lles negou.
O BNG de Foz recórdalle ao Sr. Castiñeira que aínda está esperando as súas desculpas públicas polas falsas acusacións no caso das urxencias e volve a recordarlle que unha persoa que minte non é merecente de ser alcalde de Foz.
Lorena Seivane rematou dicindo que “no BNG non se descarta ningunha posibilidade e analizará en próximas reunións da súa Asemblea Local cada proposta que se poña enriba da mesa para decidir ao final a que pensemos que será a mellor para Foz”.