Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Ambiente mellora o firme da estrada LU-161 dende San Xulián de Landrove a Chavín

mapa-161Santiago, 30 de xuño de 2015.- A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas inicia este martes, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), a rehabilitación do firme da estrada Landrove- Ferreira do Valadouro (LU-161) desde o seu inicio en San Xulián de Landrove, na intersección coa LU-540 que serve de saída de Viveiro cara a Cabreiros, ata o punto quilométrico 3, en Chavín.

Este treito rexistra unha notable intensidade de tráfico, debido tanto ás numerosas vivendas e edificacións existentes no Val do Naseiro como ás instalacións de industrias coma Vestas e Hidrofersa, que mobilizan un importante número de vehículos pesados cara Viveiro.

O tramo obxecto no que se mellorará a firme conta na actualidade cun pavimento asfáltico que pola acción do tráfico e dos axentes atmosféricos foi perdendo a súa capacidade estrutural e a calidade de servizo esixida, ao tempo que presenta deformacións e irregularidades.

Os traballos previstos consistirán no fresado do firme ata eliminar as deformacións existentes, e a posterior reposición co mesmo espesor mediante a extensión de novas mesturas bituminosas.

Dado que nos vindeiros días se agardan condicións óptimas para o desenvolvemento desde tipo de actuacións, as obras -que se realizan mediante o contrato de conservación integral- quedarán rematadas nesta mesma semana.

Con esta actuación, na que se investirán algo máis de 230.000 euros, o Goberno autonómico mellorará o estado do firme, para garantir unha circulación cómoda e segura do conxunto dos usuarios, e atende á solicitude de mellora das infraestruturas viarias da contorna realizada polos traballadores destas industrias a principios de ano.

Cómpre recordar ademais que a Xunta está actualmente a executar o corredor Celeiro-San Cibrao, que conta cun orzamento superior aos 50 millóns de euros. Esta infraestruturas mellorará a conexión desde a Mariña Lucense coa rede de vías de alta capacidade cara a Meseta e o norte de España.

Exit mobile version