Site icon Crónica3.com A Mariña

Na II Gala do Deporte do Concello de Ribadeo serán premiados 234 rapaces e rapazas de 10 modalidades deportivas

290615 Foto gala deporte 2Ribadeo, 29 de xuño de 2015.- Este martes celébrase a II Gala do Deporte, que organiza o Concello ribadense. Será a partir das 21:30 horas no pazo municipal de deportes. En total serán premiados 234 rapaces e rapazas de 10 modalidades deportivas. O evento foi presentado este luns pola mañá polo alcalde, Fernando Suárez, e polo novo concelleiro de Deportes, David Rivas.

O rexedor dixo que “é a segunda vez que facemos esta Gala, quedounos moi bo sabor de boca o ano pasado cando intentamos xuntar a todos os rapaces e rapazas que en torneos e competicións tiveron algún tipo de recoñecemento: que gañaron ou que quedaron subcampións, etcétera. Pretendemos facelo así porque se facemos recepcións esporadicamente a algúns sempre quedarían outros equipos. Pero o Concello de Ribadeo ten que tratar a todo o mundo por igual e polo tanto queremos facer unha vez ao ano un recoñecemento tamén de fin de tempada e de fin de curso, sobre todo para os máis pequenos”.

Suárez Barcia manifestou que “este Concello está moi orgulloso de favorecer o deporte base, pois hai que ter en conta que nas escolas deportivas municipais que promove o Concello de Ribadeo aproximadamente a metade de todos os nenos e nenas de Ribadeo entre 4 e 14 anos participan nalgunha das especialidades das escolas deportivas municipais. Estamos incrementando un deporte base multidisciplinar traballando con esforzo e agora con sabia renovada por parte do novo compañeiro do goberno municipal”.

David Rivas, o novo concelleiro de Deportes, sinalou que “esta segunda gala do deporte preséntase como unha continuación da primeira, do ano pasado, e vemos que afortunadamente non só temos máis deportistas, nenos e nenas galardoados, senón que ademais temos máis disciplinas deportivas que están competindo a moi bo nivel, tanto provincial como nacional e mesmo estatal. Isto da boa mostra do excelente estado de saúde do que goza o deporte base ribadense”.

En total serán 234 os premiados e premiadas de dez modalidades deportivas distintas: atletismo, baloncesto, billarda, fútbol sala, fútbol, piragüismo, remo, pádel, tenis de mesa e ximnasia rítmica.

Exit mobile version