Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG convoca unha concentración en Foz en apoio de Ana Miranda e en solidariedade con Palestina

29 de xuño de 2015.- O BNG na Mariña convoca para este martes ás 20 horas, na praza ao carón da Casa da Cultura de Foz) unha concentración en solidariedade con Ana Miranda e o resto da tripulación da “Frota da Liberdade” e co pobo de Palestina, tras ter sido “asaltada a embarcación “Marianne”, na que viaxaban en misión humanitaria que tiña como obxecto entregar medicamentos e alimentos no campo de concentración de Gaza, onde vive máis de 1.800.000 persoas”, explican desde o BNG.

Na madrugada do día de hoxe buques de guerra da armada israelí asaltaron en augas internacionais a embarcación “Marianne”, pertencente á “Frota da Liberdade”, que se dirixía con material humanitario a Gaza. Nesta embarcación viaxaba a nosa compañeira Ana Miranda, xunto outros 16 tripulantes de diversas nacionalidades.

Ana Miranda e o resto de tripulantes viaxan agora retid@s e incomunicad@s polas forzas armadas israelís ate o porto militar de Ashdod. Segundo manifesta o BNG, “o asalto, en augas internacionais, vulnera os máis elementais principios do dereito marítimo internacional: é un acto de auténtica pirataría. Pola información que posuímos, o goberno israelí vai negar asistencia consular á súa chegada a Ahdod, e todo indica que Ana Miranda e o resto de activistas serán conducidos a un “centro de detención” baixo xurisdición militar.”

Desde o primeiro momento, o BNG está a realizar xestións urxentes perante o Goberno español, Comisión Europea e Xunta de Galiza co fin de reclamar a seguranza, integridade e posta en liberdade de Ana Miranda e o resto de activistas internacionais.
A formación nacionalista califica este feito como un “novo acto imperialista do estado de Israel”, e manifesta a súa “plena solidariedade co pobo palestino”.

“Accións valentes como a de Ana Miranda teñen como obxectivo, xustamente, o de pór en cuestión a impunidade do estado de Israel e reivindicar o fin do bloqueo a Gaza”, conclúen desde as filas nacionalistas.

Exit mobile version