Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Foz rexeita calquera proposta do PP de formar parte do goberno municipal

Foz, 23 de xuño. O BNG de Foz rexeitou por unanimidade da asemblea local celebrada o luns 22 a proposta feita polo PP de entrar a formar parte do goberno municipal nesta lexislatura. É máis, o BNG despois de intentar un goberno alternativo ao PP e non conseguilo pasará a facer unha oposición leal e construtiva, pero ao mesmo tempo dura e sen tregua á acción do goberno. Tamén queremos deixar claro que intentaremos levar adiante o noso programa de mínimos a través de propostas abertas ao diálogo.

A primeira e principal razón non é outra que as políticas do PP están nas antípodas do BNG. Durante os últimos anos o PP de Foz dedicouse a seguir obedientemente e como cordeiros os mandatos de Madrid, aínda que foran en contra dos intereses dos veciños.

Así temos, entre outras cousas, a eliminación dunha das ambulancias do 061, a redución dos servizos de administración de Facenda, a non ampliación das pras das escolas infantís, a suba do IBI de forma imprevista e máis recentemente a supresión do servizo de urxencias do centro de saúde.

A segunda razón, tamén importante, é que este goberno non nos da ningunha confianza. Ten, practicamente, a mesma composición que fai catro anos e durante esta última lexislatura foron numerosas as moción presentadas polo BNG e aprobadas polo pleno as quedaron no famoso caixón da alcaldía mostrando, así, un desprezo, non só ao BNG e aos votantes do BNG, senón tamén á corporación, á propias institución municipal e, sobre todo, ao pobo de Foz. Nin sequera tivo a dignidade de concertar unha entrevista coa Consellería de Sanidade para tratar a situación do Centro de Saúde e incluso o alcalde chegou a acusar falsamente ao BNG cando no mes de maio se eliminou o médico de urxencias, acusación da que aínda estamos esperando desculpas.

Para o BNG isto non é máis que un lavado de cara do PP e unha mera pose para dar a imaxe dun partido aberto a acordos cando no fondo non hai vontade de acordar nada que serva aos intereses dos veciños e veciñas de Foz.

“Haberá que ver o que pensas os outros partidos. Será esta unha estratexia de xustificación para posibles pactos?”

“O BNG teno claro: non podemos entrar no goberno cun partido que foi durante os últimos anos o que castigou ás clases populares cos seus recortes e levou a Foz a un retroceso palpábel.”

Exit mobile version