Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG respalda que Antonio Veiga continúe como deputado provincial pola comarca da Mariña

IMG_1668A Mariña, 13 de xuño de 2015.- O BNG celebrou na tarde deste sábado unha asemblea de militantes para escoller a persoa que ocupará o posto que lle corresponde á formación polo partido xudicial de Mondoñedo. Despois dos resultados obtidos pola formación nacionalista nos concellos que comprende o partido xudicial (todos os da comarca da Mariña, excepto Muras, máis A Pastoriza e Abadín), corresponde elixir que persoa das electas vai ocupar a acta na Deputación Provincial que obtivo o BNG.

A militancia nacionalista valorou en primeiro lugar o conxunto dos resultados obtidos na comarca, como “uns resultados obxectivamente bos, logrando incrementar o número de votos e tamén de representantes municipais; a pesar de terse presentado en dous concellos menos que hai catro anos”, explica a responsábel comarcal, Ana Ermida.

En segundo lugar, e con carácter previo á elección de proposta para a Deputación Provincial, o BNG realizou unha valoración do traballo do nacionalismo á fronte das áreas de goberno provincial nestes catro anos, destacando “a importante labor que se fixo no apoio ao asociacionismo deportivo e cultural e na apertura da institución provincial ás veciñas e veciños da provincia.”

Destacan desde o BNG “a entrega e o traballo realizado polo deputado provincial elixido hai catro anos por este mesmo partido xudicial, Antonio Veiga, que logrou facer das áreas nacionalistas espazos de encontro entre as veciñas e veciños da provincia onde atender a súas preocupacións e necesidades; converténdose nun apoio fundamental en materia deportiva, cultural e de benestar social.”

Igualmente, valoran como “moi importantes para o mantemento do dinamismo da comarca os investimentos que as áreas nacionalistas realizaron en infraestruturas nos distintos concellos, e tamén o apoio ao asociacionismo cultural e deportivo e a entidades e concellos que traballan no ámbito do benestar.”

Desde o BNG aseguran que “o traballo feito polo BNG na Deputación de Lugo demostra hai outro xeito de facer política desde as institucións provinciais, poñéndoas ao servizo da xente e non utilizandoas de xeito caciquil.”
Con estas valoracións, consideran que “a elección de Antonio Veiga para seguir representando ao BNG na institución provincial, desde a posición que lle corresponda, é unha garantía de traballo, experiencia e disposición do BNG a actuar como interlocutor entre a sociedade e a entidade provincial”, afirma Ana Ermida.
A proposta de Antonio Veiga como deputado provincial foi a única que se presentou ante unha asemblea do partido xudicial que a refrendou, quedando así pendente de ser elixido oficialmente cando sinale a xunta electoral de zona de Mondoñedo, ao longo da vindeira semana.

Xunto con Antonio Veiga, conforman a proposta do BNG como suplentes Mari Luz Álvarez Lastra, concelleira en Ribadeo; Carlos Fernández Louzao, concelleiro en Xove e Lorena Seivane García, concelleira en Foz.

Exit mobile version