Muras, 4 de xuño de 2015. O concelleiro electo do PSOE en Muras garantiu a investidura como alcalde do concello ao nacionalista Manuel Requeixo que substituirá á fronte da alcaldía ao popular Issam Alnagm despois de 24 anos no goberno municipal. A dúas formacións exploran desde fai días a formación dunha coalición de goberno que estaría formada polos tres edís nacionalistas e o concelleiro socialista, ou ben acordos puntuais para garantir a gobernabilidade e a alternancia política nun concello que require un cambio de rumbo despois de 24 anos dun goberno onde o popular Issam Alnagm aplicou políticas mais propias dunha ditadura feudal que dun concello democrático.
Para as dúas formacións a principal preocupación consiste en saber cal é o estado no que queda o concello despois destes 24 de goberno ininterrompido do Partido Popular para levar adiante as accións necesarias para empezar a facer políticas transformadoras que redunden no beneficio da xente, en ampliar e mellorar as políticas sociais, en recuperar poboación perdida, en aproveitar os recursos propios do territorio como impulso para dinamizar a economía e crear emprego; outro dous puntos fundamentais para imprimir un cambio na forma de goberno será a democratización da vida municipal dándolle protagonismo á veciñanza na toma de decisións que lles afectan.
Para as dúas formacións, a veciñanza de Muras debe saber que a partir do 13 de xuño os 24 anos de goberno de Issam Alngam xa serán historia, e que a partir dese día iranse dando pasos para abrir portas e ventás do concello ao conxunto da veciñanza xa foran votantes duns ou doutros partidos porque o concello pasará a ser a casa de todas e todos.