Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Cervo abre o prazo de matrícula ou renovación para o Punto de Atención á Infancia do 17 de xuño ao 17 de xullo

Cervo, 16 de xuño de 2015- O Concello de Cervo informou este martes de que a partir deste mércores e ata o 17 de xullo estará aberto o prazo de matrícula e renovación para o Punto de Atención á Infancia. Un trámite que se debe facer unicamente no Rexistro Xeral, situado na Casa do Concello de Cervo, en horario de oficina. Aínda así, os impresos pódense recoller tamén na Casa do Mar e na Casa da Cultura.

Un servizo que no novo curso 2015-2016 xa se prestará nunha nova ubicación, a Casa do Mar. Un edificio no que o Concello levou a cabo importantes reformas co obxectivo de acoller o PAI. As obras, financiadas con fondos municipais, tiveron un custo de 72.800 euros e afectaron tanto á zona interior como ao patio exterior, o cal permitirá dispoñer duns espazos remodelados especialmente para este servizo infantil, con todas as medidas de seguridade e protección.

Ademais hai que lembrar que esta nova ubicación era moi esperada polos pais e nais xa que a Casa do Mar se atopa nunha situación máis céntrica e tamén vai permitir contar con moito máis espazo, o cal amplía as posibilidades educativas e tamén á hora de organizar actividades.

Documentación
As persoas solicitantes deberán presentar en prazo a seguinte documentación: No caso das familias que desexen renovar a súa praza deberán entregar a solicitude; unha copia do carné de vacinación actualizado; unha autorización para obter información e documentación das distintas administracións públicas ou, en caso contrario, achegar un certificado da Axencia Tributaria das rendas de cada membro da unidade familiar do último exercicio vencido e o certificado de empadroamento de todos os membros da unidade familiar (este último tampouco será necesario se entregan a autorización), e outros documentos que acrediten circunstancias como cargas familiares, invalidez ou minusvalía dalgún membro, condición de familia monoparental ou de familia numerosa.

Exit mobile version