Site icon Crónica3.com A Mariña

O Concello de Ribadeo busca persoal para cubrir dúas prazas de informadores turísticos e catro de socorristas

Ribadeo, 30 de xuño de 2015.- O Concello busca persoal para cubrir 2 prazas de informadores/guías turístic@s para a praia das Catedrais e tamén 4 socorristas. En total serán 7 @s informadores turístic@s os que traballen en Ribadeo nesta campaña e 17 socorristas. Por terceira vez o Concello convoca algunhas destas prazas, segundo explicou este martes pola mañá o alcalde, Fernando Suárez.

O rexedor dixo que “nestes días estamos poñendo a punto todo o sistema para preparar este verán intenso que se prevé, con moita xente que veña a Ribadeo a gozar das súas vacacións e o sector servizos tamén está totalmente preparado, de aí estes recoñecementos que tanto nos agradan, como o de Tripadvisor e Trivago e outros que está recibindo nos últimos tempos Ribadeo, que brilla con luz propia no mundo do turismo”.

Suárez Barcia sinalou que “tamén debemos advertir unha circunstancia que nos sorprende: é que non damos cuberto as prazas de informadores turísticos nin de socorristas. É a terceira vez que intentamos sacar convocatorias para cubrir os postos que aínda temos vacantes de guías turísticos e non damos cuberto esas prazas. Acabo de asinar unha terceira convocatoria, que xa está publicada na páxina web do Concello e que ten un prazo para presentar as solicitudes ata este vindeiro luns para dúas prazas a tempo completo durante dous meses neste verán para informadores turísticos. Evidentemente hai que ter coñecemento da realidade xeográfica e histórica de Ribadeo e tamén de idiomas, canto menos inglés”.

E engadiu que “logo tamén para socorristas remata o venres 3 de xullo unha nova convocatoria que fixemos porque para os 17 profesionais que queremos contratar aínda nos quedan prazas vacantes”.
O alcalde de Ribadeo anima “a todos, sobre todo a esta xente nova que ten capacidade máis que sobrada, a que veña intentalo porque os salarios están ben e realmente o traballo é digno, polo que pode atraer a moita xente, pero inexplicablemente as prazas seguen vacantes”.

Exit mobile version