A rexedora contou que “este ano a feira de Vegadeo está dedicada á luz e chega á súa edición número 52. Dará comezo o xoves, 11 de xuño, coa súa tradicional inauguración, que será no adro do pavillón do parque feiral. Ese día a entrada é gratuíta e pódese ir visitando a partir das 3 da tarde aínda que a súa inauguración terá lugar ás 7 da tarde. Pecharase o recinto feiral ás dez da noite, como todos os días da feira”.
Calleja relatou que “o venres, 12 de xuño, é o día da terceira idade e polo tanto entrarán de forma gratuíta todas as asociacións de maiores de Asturias que nos visiten, e este ano contamos cunhas dez asociacións que virán de toda Asturias e algunha de Galicia. Terá lugar a apertura do recinto feiral ás 10 da mañá e contaremos con actividades infantís na zona de xogos, cun circuíto de karts, un grande inchable, talleres, xogos e unha carpa dedicada aos máis pequenos. Será dende as 10 ata a unha e media. Ademais dende as 11 e media ata a unha teremos uns talleres infantís e xuvenís, que se titulan Luz non me enganes e Un arco da vella efervescente, todo iso debido a que é o Ano Internacional da Luz, a cargo de Xplora Ciencia e que organiza a Omic de Vegadeo. De 10 a 13 horas tamén terá lugar un taller de talle de pedra, a cargo de don Fernando Vilariño, na carpa de artesanía. De 12:30 a 13:30 teremos o programa en directo Costa Viva, da Cadea Cope. E de 14 a 19 horas estará aberta a segunda exposición Gala de Campioas, do concurso de gando, por asturiana da montaña, asturiana dos vales normal e dobre anca, actividade na que colabora a Caixa Rural de Asturias. De 14:20 a 14:30 volverá a programación en directo da Cadea Cope e pola tarde volveremos ter tanto os talleres de pedra, os talleres infantís e xuvenís e os de ciencia. De 20 a 22 horas teremos unha degustación de cócteles de Coca Cola e ás 21 teremos a homenaxe ao socio decano que organiza a asociación de comerciantes de Vegadeo, que este ano conta con dous galardoados dunha mesma empresa, a firma familiar Seijo Empresa Constructora, que serán Juan e Emilio Seijo Pérez. Ás once e media da noite teremos un dos puntos fortes desta feira de mostras, que é o concerto do grande artista vasco Kepa Junkera no parque do Medal”.
A alcaldesa de Vegadeo explicou que “o sábado 13 teremos actividades infantís, talle de pedra e a carpa de gandaría cos desfiles das razas asturianas. De 13 a 14 horas teremos unha novidade, que é a exhibición de bateo de ouro a cargo da Asociación de Bateadores de Navelgas e ás 16 horas comezarán outra vez as actividades para os pequenos, cos karts, os inchables, os talleres e os xogos, ao igual que a artesanía en talle de pedra. Ás seis e media da tarde do sábado teremos o espectáculo de deporte rural, que, como en cada ocasión, organiza e patrocina a Caixa Rural de Asturias. De 20 a 22 horas teremos a degustación do primeiro e único vodka asturiano, que é Taxus, na carpa das degustacións; dado que agora está tan de moda o tema do showcooking teremos unha demostración de cócteles con vodka. Ás dez o recinto feiral pechará as súas portas e haberá unha gran verbena coa orquestra Takikardia ás once da noite”.
E engadiu: “o domingo 14 ás dez da mañá á par que se fai a apertura do recinto terá lugar a tradicional feira cabalar na rúa La Cal, no terreo que nos cede a familia Graña para facer ese festival do cabalo, que tanto gusta e que é inherente á feira de Vegadeo. Tamén teremos as actividades infantís de 10 a 13:30 horas, o taller de pedra, o desfile de campioas de razas asturianas e a entrega de diplomas. E pola tarde haberá as mesmas actividades que pola mañá e ademais o torneo de patefa da Feira de Mostras de Vegadeo. Pola noite será a clausura e teremos a gran verbena amenizada pola orquestra Tabú”.
A rexedora en funcións dixo que “como cada ano na Casa de Cultura se fai unha exposición e este ano temos unha moi afamada, que polo centro de Asturias tivo moito éxito: é de playmobil e nesta ocasión tráennos unha pequena representación en 25 metros cadrados. Tivo moita repercusión alá por onde se levou, polas Concas. Ademais teremos a exposición de Navelgas polo Mundo con motivo do campionato mundial de bateo de ouro, que faise este ano en Navelgas; por iso decidiron visitarnos e darse a coñecer. Todos os días teremos a exposición de campioas de razas asturianas, os talleres artesáns, unha sección de produtos alimentarios de diferentes rexións e países. E temos a presenza, un ano máis, polo que dende hai dous anos é internacional esta feira de mostras, dos portugueses, que estiveron na anterior edición e agora volven con alimentación dos Azores, con viño de Porto, con outros produtos típicos da zona, con cortiza e tamén cun montón de actividades típicas do país luso e que seguro que volverán ter o mesmo éxito que na anterior edición”.
No capítulo de agradecementos Begoña Calleja estendeuse: “quero dar as grazas a todos os que fan posible esta feira, porque o traballo non só é dende o Concello, cunha alma total, que é Dora, pois ela é o sustento disto, que sen ela non sería posible. Tamén a comisión que se creou e que de xeito altruísta sempre colaboran connosco. Dar as grazas ás entidades bancarias, a Banco Ferreiro e a Caixa Rural, que están sempre a colaborar connosco; tamén ás asociacións e clubs deportivos e culturais; grazas ao presidente do club de fútbol, que nos acompaña hoxe tamén; grazas ao presidente e representante de Mercasa, que tamén é moi importante neste recinto feiral; grazas á Garda Civil, que fai sempre posible e este ano de maior xeito pois imos ter esa incidencia e a estar pendente dos plans de seguridade; grazas a Ascove, que non só colabora e patrocina senón que ademais está moi presente dentro desta feira; e quero dar as grazas tamén a todos os que colaboran, tanto veciños coma establecementos, que non só poñen os carteis senón que ademais animan, compran os seus convites e regálanas entre a xente e fan posible que teñamos tantos visitantes e sexa sempre unha expectación a feira de Vegadeo”.
A alcaldesa manifestou que “esta vai ser para min unha feira moi especial, sen dúbida vai ser a miña mellor feira. Foron catro anos neste barco, catro anos dun desexo e un sono cumprido, que vai rematar, de xeito espectacular con esta feira; e quero agradecervos o traballo que fixestes e o respecto e cariño que tivestes non só por min senón por este Concello. E quero invitarvos a que gocedes desta feira, que o xoves esteades no adro do pavillón feiral e veñades a visitarnos e gocedes da 52 edición da feira de mostras”.
“A 52 edición da Feira de Mostras de Vegadeo contará con ao redor de 150 expositores de Asturias, de Galicia, que son os máis próximos, pero tamén de produtos da horta de Extremadura, de Madrid, de Lisboa, de Porto e doutras zonas de Portugal. Dos 150 expositores moitos deles repiten, porque son asiduos da nosa feira e así facémosllelo saber, porque moitas persoas veñen non só a ver as novidades da feira senón polo encanto que ten a feira dende hai moitos anos. Tamén teño que destacar que este ano hai moita participación de establecementos locais, porque algúns dos empresarios deste pobo se decidiron a estar na feira. E iso, sen dúbida, para nós foi importante, concluíu Begoña Calleja no acto de presentación que tivo lugar este mércores pola mañá no Concello de Vegadeo.