O clínic de Cangas del Narcea volve ofrecer unha axenda ampla e variada para non rexeitar, destinada como na súa estrea ás categorías entre benxamín e xuvenil (6-17 anos). O alumnado terá a oportunidade de afondar no coñecemento do fútbol sala e o fútbol, coa participación de adestradores de Primeira División; os nenos/ás poderán compartir a pista con algunhas das referencias da máxima categoría do futsal en España pero tamén descubrirán moitas das experiencias e anécdotas destes profesionais. Haberá tempo para aprender e divertirse arredor do esférico, ademais de entretidas xornadas con actividades lúdico-recreativas, práctica doutros deportes, talleres e excursións.
Esta cita estará incluída na Xira 2015 da Fundación Imdecum, recoñecida como Fundación de Interese Galego pola Xunta de Galicia. Colaboracións con campus de base como o Mixto Internacional Burela FS Peixes Rubén dende 2010, ademais da organización de citas de referencia deportiva dentro e fóra de Galicia, como o Torneo de Fútbol Sala Base Memorial Rodrigo Maseda Lozano, son só algunhas das referencias do traballo de Imdecum neste ámbito, que impulsará a partir de 2015 con clínics noutros puntos da xeografía galega como A Fonsagrada, Burela, Alfoz-O Valadouro e A Estrada, continuando coas súas xa tradicionais colaboracións en Asturias.
Nos próximos días facilitarase toda a información sobre a matrícula.
Estrea de grande acollida
A localidade asturiana estreou o campus en 2014 con grande acollida. Un total de 35 alumnos gozaron das actividades coordinadas por Juanma Marrube con visitas de prestixio como o porteiro do Uruguai Tenerife Iago Barro, os capitáns do CD Burela FS Peixes Rubén, Iago Míguez e Edu, o xogador viveirense Christian Chao ou os técnicos Pablo Prieto, de Al-Wahda de Abu Dahbi, Diego Ríos, do Parrulo FS.