Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo lémbralle ao BNG que Quintana e o bipartito “traizoaran ao Conxunto de Sargadelos” anunciando un investimento de 5 millóns “que nunca chegou”

Cervo, 25 de xuño de 2015.- O goberno de Cervo valorou este xoves as declaracións do BNG, nas que os nacionalistas defenden o papel do bipartito en relación ao Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos pero “esquecen ou queren esquecer” que o ex-vicepresidente da Xunta, Anxo Quintana, viñera a Cervo no 2007 e, nun acto público e aberto, anunciara un investimento de 5 millóns de euros para recuperar esta zona de grande valor patrimonial.

Para o grupo de goberno “o BNG só lembra o que lle interesa”, pero “o realmente interesante é que aquel ofrecemento quedara en nada e en Cervo nunca soubemos que pasou con aqueles cinco millóns de euros que supostamente eran para Sargadelos”. “Quintana e o goberno bipartito traizoaran ao Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos prometendo un investimento que nunca chegou”.

“Sargadelos sempre foi e será unha prioridade para o Concello, e tamén o vén sendo para o actual goberno da Xunta, a pesar dos tempos difíciles que vivimos”, explica o executivo local. “Pero resulta moi curioso ver como o BNG de Cervo ten memoria selectiva, e como durante os anos do bipartito non fixo unha soa pregunta sobre os 5 millóns anunciados”.

Exit mobile version