Site icon Crónica3.com A Mariña

O Goberno de Cervo sube un 12% o gasto para os seus salarios sen xustificación algunha

Cervo, 30 de xuño de 2015.- O portavoz do Grupo Municipal Socialista en Cervo denuncia a falta de xustificación do Partido Popular para incrementar os salarios dos seus concelleiros. Francisco U. Mon asegura que “o coste que terán que asumir todos os veciños para cubrir o pago dos gastos de todo o equipo de goberno será excesivo, un total de 117.000 euros. Dentro destes, nestes vindeiros catro anos, contaremos cunha adicación exclusiva e tres parciais que suporán un coste anual de 69.533,04 euros. Nun concello coma o noso, de menos de 5.000 habitantes, no que cada día perdemos máis poboación, se reducen os servizos e palpamos unha notoria caída de actividade, non podemos consentir que o goberno se permita este gasto”.

Neste senso, Mon destaca que “esta subida non se pode xustificar de maneira algunha, xa que non houbo por ningures incremento de investimentos. Os resultados das contas son positivos grazas á inactividade total e falta de xestión que vimos sufrindo nos últimos anos e as reduccións da débeda obedecen a imposicións legais”.
Os membros do Grupo Socialista subliñaron que “ademais de subir o gasto para estas catro adicacións ata un 12 %, tratarán de encubrir outros dous salarios coa asistencia de outros dous concelleiros ás Xuntas de Goberno. Pois por formar parte das mesmas, ás que só asisten membros do Partido Popular, cada persoa recibirá 150 euros e aínda que se programa unha cada 15 días, ao final veñense celebrando cunha media de catro ao mes”.

Pola contra, os socialistas engadiron que “por asistencia aos plenos municipais, nos que están representados tódolos grupos políticos, a retribución que se fixa é de 20 euros e hai que recordar que non se celebran cada 15 días senón que contamos con un cada dous meses. Todo apunta a que a liña na toma de decisións vai ser a mesma e o traballo dos concelleiros do PP parece ser máis valioso que o dos demais”.

Tanto é así que para compensar o tremendo gasto en salarios do goberno asfixian os pagos ó resto dos grupos municipais. “Cada grupo político recibirá tan só 10 euros trimestrais para facer a súa labor de oposición. Levaremos adiante o noso traballo con 3,33 euros ao mes, o que non suporá que diminúa na mesma proporción o noso esforzo. Todo o contrario, o noso compromiso seguirá sendo rigoroso, responsable e constante, sempre na defensa do interese xeral e do benestar dos nosos veciños”.

Os socialistas remataron destacando que “é vergoñento que utilicen unha administración pública en beneficio persoal, dando exemplos claros de discriminación e desigualdades entre os propios grupos políticos que representamos aos veciños de Cervo. Recordámoslle aos membros do PP que para que exista un goberno ten que haber oposición, e viceversa. Por recibir menos euros non faremos menos traballo, será todo o contrario. Estaremos pendentes de cada paso co único obxectivo de esixirlle ao goberno que cumpla coas promesas e compromisos que non cumpliu ata o día de hoxe”.

Exit mobile version