Site icon Crónica3.com A Mariña

O grupo municipal do BNG en Barreiros tomou posesión co compromiso de ser a voz da veciñanza

Barreiros, 13 de xuño de 2015.- No pleno celebrado este sábado ás 12 do mediodía, as concelleiras e concelleiros do BNG tomaron posesión das actas acadadas nas eleccións do pasado 24 de maio, tras ter recibido o apoio de 700 persoas que lles permite contar con catro representantes na corporación municipal de Barreiros.

O grupo municipal estará conformado por Ana Ermida e Antonio Veiga, que repiten como representantes na corporación e incorpóranse Montse Porteiro e Dámaso Ratoeira; que accederon ao seu posto de representantes municipais comprometéndose a “defender os intereses xerais de Barreiros e do pobo galego.”

Na súa intervención, a que será novamente portavoz municipal do grupo nacionalista, Ana Ermida, asegurou que “o BNG chega a esta nova corporación reforzado polos apoios recollidos o pasado 24 de maio, que nos permitiron duplicar a nosa representación municipal e que supoñen un aval ao traballo realizado pola formación nacionalista nestes anos.”

“Desde o BNG recollemos as actas que nos corresponden asumindo o compromiso que manifestamos xa durante o periodo electoral: o grupo municipal do BNG daralle voz a todas as veciñas e veciños que o desexen e promoverá, desde as posibilidades que lle outorga a situación na corporación, a participación cidadá nos asuntos municipais”, afirmou. “O noso único compromiso é actuar na defensa dos intereses de Barreiros e do pobo galego e neso poñeremos o máximo esforzo tamén durante estes catro anos”, sinalan desde a formación nacionalista.

Desde o BNG aseguran que “as veciñas e veciños deron mostra do descontento polo xeito de funcionar do goberno municipal saínte e agardan que o Partido Popular teña a capacidade para tomar nota e cambiar na súa actitude.”

“Non podemos confiar nun goberno que se presentou ás eleccións sen un programa público de traballo para estes catro anos e que se define como continuista. Cremos que a labor municipal nos pasados catro anos foi nefasta para Barreiros e foi castigada nas urnas”, sinalou Ana Ermida. “Nós sempre estaremos en disposición de traballar con quen sexa para mellorar o concello e o futuro das veciñas e veciños, pero non o faremos con quen actúe con prepotencia e desprezando a axuda que se ofrece. Vimos de sufrir un goberno municipal que, recurrentemente, rexeitaba as propostas do BNG polo simple feito de vir do BNG ou se as asumía non as executaba. Agardamos que as actitudes cambien nestes catro anos para dar cabida a todo o mundo porque, do contrario, o BNG seguirá traballando por Barreiros, como fixo ata o momento, desde onde corresponda”, aseguran.

Exit mobile version