Lourenzá, 18 de xuño de 2015.- O novo goberno municipal de Lourenzá reduce en case o 25 por cento o salario da alcaldesa, Rocío López García, e suprime a dedicación parcial do tenente de alcalde, o que supón un aforro para o Concello de máis de 30.000 euros anuais. Foi aprobado nun pleno extraordinario e urxente da corporación municipal celebrado este mércores cos votos favorables dos concelleiros socialistas e a abstención dos edís do Partido Popular.
O salario bruto da rexedora municipal de Lourenzá redúcese preto dun 25 por cento, porque a retribución que percibirá será de 2.250 euros brutos mensuais. Sumando a esta rebaixa no soldo da alcaldesa a supresión da dedicación parcial que tiña o tenente de alcalde no anterior mandato isto supón un aforro para o Concello de máis de 30.000 euros anuais. “É unha cantidade de diñeiro importante, que se poderá dedicar a outros asuntos de interese para os veciños”, destacou Rocío López.