Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento galego aproba solicitar ó goberno central que a flota de baixura non se vexa obrigada a portar o botiquín tipo C

Santiago, 5 de xuño de 2015.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar a proposición non de lei presentada polo Grupo Popular, que contou co voto favorable do PSOE, a través da que se solicita ao Goberno central para que flexibilice, nas embarcacións da flota de baixura, a obriga de portar un botiquin tipo C.

Os populares galegos mantiveron en solitario esta demanda, defendida desde a propia Xunta e polas organizacións que agrupan aos profesionais da pesca, para aqueles casos de embarcacións que desenvolven a súa actividade no interior das rías galegas.

RECONSIDERAR SE É PROCEDENTE
O Goberno estatal, en transposición dunha normativa comunitaria, estableceu a obrigatoriedade de portar un botiquín tipo C tamén para esta flota, que esixe incluír ata 26 medicamentos distintos e 24 aparellos médico cirúrxicos.

Balseiro defendeu que tanto a proximidade da costa (que permite acceder con rapidez a asistencia sanitaria) como o obxectivo de evitar un mal uso dalgún destes medicamentos e aparellos aconsella reconsiderar si é procedente un botiquín destas características e complexidade nunha embarcación de baixura.

Desde o Grupo Popular foron moi críticos co voto en contra do BNG e a abstención de AGE, que agora non apoian aquilo que demandaban fai tempo, a pesar de que a práctica demostra que dotar a estas embarcacións dun modelo de botiquín distinto é igual de efectivo e seguro.

DESPEZAMENTOS
Por outra banda, o Grupo Parlamentario Popular votou en contra dunha iniciativa do BNG na que reclamaba a eliminación das axudas que, con cargo aos fondos europeos, van destinadas ao despezamento de buques pesqueiros.

Os populares defenderon a continuidade deste sistema, xa mellorado con respecto a outros períodos, que permite o axuste da flota ás posibilidades de pesca e á situación dos caladoiros, así como, o que aínda é máis importante, o acollemento de armadores e tripulantes a medidas complementarias de carácter social financiadas con cargo a eses fondos europeos.

Balseiro considera sorprendente que BNG e PSOE, “os que máis despezamentos de buques pesqueiros fixeron e prevían facer, esixan agora a eliminación destas axudas”. De feito, explicou que durante o Goberno bipartito se despezaron 538 embarcacións pesqueiras galegas, un 54 por cento máis que no período popular actual. Ademais, PSOE e BNG propoñían realizar 93 despeces durante os anos 2008-2010, fronte aos 37 buques despezados co PP no Goberno nese mesmo período.

O portavoz popular dixo que si o BNG quere defender a continuidade da flota o que debera ter feito e apoiar (e non votar en contra, como fixeron) as iniciativas populares que buscan cambiar o modelo de reparto das posibilidades de pesca e conseguir máis cota.

O deputado popular aclarou que nesa dirección vén traballando o PP, que conseguiu na negociación dos últimos anos incrementar un 14 por cento os TAC e cotas dispoñibles. Ademais, lembrou que en 2014 as descargas de peixe e marisco fresco nas lonxas galegas medraron un 14,5 por cento, e o seu valor económico incrementouse un 4,6 por cento en relación co 2013.

Exit mobile version