Site icon Crónica3.com A Mariña

O Parlamento Galego aproba a iniciativa do Grupo Popular para que as PEMES do sector da conserva sexan destinatarias preferentes das axudas europeas

Santiago, 17 de xuño de 2015.- O Parlamento de Galicia vén de aprobar a iniciativa do Grupo Popular para que as pequenas e medianas empresas (PEMES) do sector da conserva en Galicia sexan consideradas destinatarias preferentes das axudas europeas.

O voceiro do Mar do Grupo Popular, Jose Manuel Balseiro explica que o acordo final insta a incluír no programa de desenvolvemento do novo Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), que estará en vigor ata o ano 2020, medidas específicas destinadas a financiar a modernización e internacionalización das empresas dedicadas á transformación dos produtos da pesca e do marisqueo.

Os populares sinalan que, pola súa maior dificultade de acceso a financiamento, ás empresas máis pequenas da conserva galega teñen que recibir con maior intensidade os apoios da Xunta, con cargo aos fondos europeos dispoñibles, e contar así co respaldo necesario para ganar en competitividade o achegar maior valor engadido á transformación dos produtos do mar.

PSOE e EU incoherentes
Os populares lamentaron unha vez máis a falta de sensibilidade das forzas da oposición que volven a dar as costas a unha iniciativa en beneficio do sector e pactada coas propias conserveiras e sinalan o comportamento contraditorio de PSOE e EU (integrada en AGE) que en Santiago votan en contra dunha iniciativa moi similar a que se formulou no Congreso dos Deputados e contou co apoio unánime de todas as forzas políticas.

Balseiro quixo lembrar a importancia de apostar por un sector -o da transformación e comercialización dos produtos do mar- que só en Galicia xera entorno a 12.200 postos de traballo directos (máis do 80% do total estatal) e que ademais foi quen, a pesar da crise, de aumentar as súas exportacións no último ano case un 7% lideradas pola conserva de atún, lura e sepia.

Etiquetaxe
A iniciativa contou co voto en contra de AGE e BNG que rexistrou unha emenda para engadir ao acordo final unha proposta sobre a obrigada inclusión da etiquetaxe de orixe. Desde o PP lembraron que no día de onte a Consellería acordou co sector crear un grupo de traballo para estudar os efectos do novo etiquetaxe europeo e o lóxico é esperar as súas conclusións e recomendacións.

Con todo, desde o PP defenden que o propio conserveiro galego segue a ser o máis interesado en vender o produto identificándoo como galego e que, que ninguén vai a omitir esta información. Pola contra se a etiquetan como galego e non o é incorren en fraude. Lembraron tamén que hoxe o propio artigo 42.2 da OMC mantén a referencia as normativas comunitarias que esixen que no caso concreto das conservas figure a trazabilidade, falamos dun aspecto de obrigado cumprimento.

Exit mobile version