Estampas coma esta, repetidas ó longo de tantos anos de vida na vella Cidade, aínda perduran hoxe na memoria dos veciños de Mondoñedo. Son a estela ben acaída e evocadora deste crego, virtuoso e humilde, amosando acotío a súa fraxil figura e levidade polas rúas e prazas de Mondoñedo. A lembranza dun crego inesquecible que, coa súa palabra de consolo e cos poucos aforros do seu traballo, adicou toda a súa vida a aliviar as necesidades e escasezas de moitos veciños da Cidade da Paula e ata doutros moitos sitios. Pódese dicir que non queda casa en Mondoñedo que non teña unha grata lembranza da súa afectiva, agarimosa e caritativa visita. E sempre sen que a man dereita soubera o que facía a esquerda. Un crego sen parroquia, pro con moitos fregreses que coidar, atender e servir. Unha persoa dadivosa e desprendida ata tal punto que nunca tiña diñeiro de seu aforrado. Nin sequera era quen de xuntar o preciso para ir de vacacións a Mallorca, a súa terra natal. Era grazas a que a súa propia familia lle mandaba o diñeiro pra a viaxe, que podía ir en ocasións a pasar uns días con ela. Diñeiro que outras moitas veces ía parar ao peto dos pobres, quedando a familia frustrada e as vacacións en Mallorca pra mellor ocasión.
Da súa actividade caritativa poderíanse citar moitos e memorables exemplos. Como aquela anécdota que tivo lugar nunha peregrinación a Roma no ano 1959, e da que don Jaime foi protagonista. Apenas chegados á Cidade Eterna, don Jaime achegouse a un compañeiro pra pedirlle diñeiro. Preguntado por este se xa esgotara os seus cartos, respondeulle: “Es que se los presté a un pobre”. Ou o ocorrido noutra ocasión, na que don Jaime foi a Vitoria pra asistir a un seminario de música e atopouse sen diñeiro xa o mesmo día que chegou a cidade. Outro préstamo a un pobre, sen dúbida. Refuxiouse, entón, na capela do seminario e dende alí mandou aviso a un compañeiro, que tamén asistía ao citado seminario, pra pedirlle que o acompañase a un banco en Vitoria pra retirar diñeiro. Chegados ó banco e feita a petición, o director telefonou a certa entidade bancaria de Mondoñedo pedindo informes sobre a petición de aquel crego. A resposta que tivo foi positiva: “Entréguele contra esta entidad todo o dineiro que pida”.
Outras moitas anécdotas sobre do seu desprendemento coa xente necesitada se poderían contar e, sen dúbida, cada veciño de Mondoñedo podería contar a súa. Un dos grandes valores de don Jaime era a súa capacidade de sufrimento fronte a dor, como ilustra esta anécdota acaecida no retorno a España daquela viaxe que fixo a Roma. Ao baixar polas escaleiras do seminario de Montpellier, onde pasara a noite, don Jaime caeu rodando por unhas escaleiras de pedra. Ergueuse e continuou a viaxe sen facer ningún comentario nin proferir o mais pequeno laído ou queixume, aturando os bruscos vaivéns do autobús provocados polo mal estado daquelas estradas do derradeiro século, cheas de buracos, e participando da ledicia xeral sen que na súa cara se albiscase o mais pequeno xesto de dor e sen pronunciar queixa algunha durante toda a viaxe. Pasada xa a fronteira, en Irún, don Jaime separouse do grupo para continuar por outra ruta a súa viaxe a Mallorca. Chegado a Mallorca telefonou a un dos seus compañeiros en Mondoñedo pra contarlle que chegara con tres costelas rotas, consecuencia da caída en Montpellier. ¡E ninguén se enterara!
Identificado cos pobres e cos indixentes, cos humildes e cos sinxelos, don Jaime sempre fuxiu e rexeitou distincións e homenaxes. A proposta que se lle fixo co gallo do seu nomeamento como Prelado Doméstico de Su Santidad provocou nel un fondo sufrimento e mesmo desgusto. Amosou a súa negativa a vestir unha sotana engalanada coas insignias distintivas axeitadas ó novo rango que se lle concedía e rexeitou totalmente ofrecer calquera imaxe que o afastase da súa habitual forma de vida, humilde, modesta e sinxela. “¡Qué pensarán los pobres de mi al verme con eses atributos honoríficos!”, foi o seu comentario. A súa loita por rexeitar esta distinción, por unha parte, e ser fiel ó mesmo tempo á obediencia debida ó seu bispo e promotor do expediente honorífico, por outra, resolveuse aceptando finalmente os feitos con resignación e obediencia, pro deixando claro que endexamais renunciaría a súa vida e a súa imaxe sinxela e humilde de sempre. Cando noutra ocasión tivo noticia dunha homenaxe que os Amigos da Cidade de Mondoñedo lle querían facer, a súa resposta foi esta: “Saber que intentan hacerlo ya es suficiente para mi”.
A sona das virtudes de don Jaime non se cinguía só a Mondoñedo. Moita xente viaxaba a Mondoñedo para ter a oportunidade de coñecelo, saudalo, pedirlle consello ou ter a ocasión de poder cruzar algunhas palabras con el, quedando sempre impresionados polo seu carisma. Así lle pasou a un frade franciscano belga, Carlos, que estando de vacacións en Mondoñedo entrou un día na catedral e viu a don Jaime sentado na consola do órgano. Deseguido sentiuse atraído pola súa mansa e pacífica mirada. Achegouse, entón, o frade á consola e, mentres don Jaime seguía a mover os seus afilados dedos polo teclado do órgano, xudeu unha espontánea conversa entre os dous. “Don Jaime es un santo”, foi o comentario que lles fixo despois ós seus amigos da Cidade.
Dous grandes soños tivo don Jaime na súa estadía en Mondoñedo. A súa teima por vivir retirado na casa da Orde Terceira da Alcántara, xunto con algún outro compañeiro crego, foi un deles. O outro, o seu desexo de retornar a Mallorca, a súa terra natal. Dúas aspiracións nunca realizadas. O edificio da Alcántara tivo outro destino. E sobre a súa marcha a Mallorca prevaleceu o seu celo polo servizo a diocese e o seu amor polos pobres de Mondoñedo.
O vindeiro día cinco de xullo cúmprense os dez anos do seu pasamento. O longo tempo pasado, que non ven a ser mais que unha falacia enganosa escrita nos almanaques, non borrou os recordos dos que tivemos o privilexio de coñecelo, de gozar do seu trato e compañía, do seu exemplo e da súa palabra. Por iso, son moitos os que hoxe, dez anos despois do seu pasamento, seguen a preguntarse pra cando o comezo do proceso de beatificación deste crego, que viviu a súa vida en olor de santidade. O pobo de Mondoñedo xa o canonizou en vida. E o Pai Eterno xa o ten recibido na súa Casa coas palabras da parábola dos talentos: “Ven, servo bo e fiel, entra no reino do teu Señor”. Pro… do proceso de recoñecemento oficial da súa beatificación nada se sabe. Nin sequera se escribiu unha pequena biografía destinada a manter vivo o recordo da súa persona, do seu exemplo de vida e do seu paso por Mondoñedo. A ver si algún ensaísta se anima.
José María Rodríguez.