Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP critica que o alcalde de Ribadeo se suba o soldo máis dun 16 por cento

Ribadeo, 29 de xuño de 2015.- O alcalde de Ribadeo, o nacionalista Fernando Suárez, decidiu subirse o soldo de cara ao mandato que agora empeza. Farao máis dun 16% respecto do montante que percibía durante os pasados catro anos, pasando de recibir 38.199 euros anuais a un total de 44.450 euros cada ano.

Os populares alertan que o rexedor nacionalista se beneficiará dunha dedicación exclusiva incrementada en 6.251 euros anuais, aos que habería que engadir futuras subidas vinculadas ao que aconteza coa evolución do salario dos funcionarios públicos.

A maiores o alcalde seguirá beneficiándose do privilexio de contar cunha secretaria particular, como cargo eventual de libre designación, a cuxo salario asigna case 2.000 euros brutos cada mes.

Nova dedicación exclusiva e outra parcial
Á suba do soldo do alcalde hai que engadir unha nova dedicación exclusiva, a que recibirá o concelleiro de Facenda, Infraestruturas, Obras e Medio rural, tamén a costa das arcas municipais, que suporá un gasto de 29.987,16 euros brutos anuais.

O custe en salarios do Grupo de Goberno suma e segue, neste caso con outra dedicación parcial máis, ao 50% da xornada ordinaria, a da Concellería delegada de desenvolvemento local, turismo e comercio, que supón un total de 20.020 euros brutos cada ano.

Ambas dedicacións supoñen un total de 50.007 euros que serán sufragados integramente polas arcas municipais.

Insensibilidade
López Penabad, que adiantou o voto en contra do Grupo Municipal Popular, denunciou que a suba de salario do alcalde e as novas dedicacións son absolutamente desproporcionadas e carecen de sentido, tendo en conta o contexto económico actual.

Hai que ser un pouco coherente. Non se pode estar todo o día falando da situación de desesperación de moita xente, dos desafiuzamentos e das dificultades económicas dalgúns veciños e despois aproveitar o rodillo da maioría absoluta para subirse o soldo máis dun 16%.

Exit mobile version