Foz, 3 de xuño de 2015. O Partido Popular de Foz, por medio do seu presidente local e candidato á reelección para a Alcaldía, Javier Jorge Castiñeira, pide sensatez aos outros tres partidos que formarán a nova corporación municipal e que primen os intereses do Concello e dos veciños.
“Dende o Partido Popular, como lexítimos gañadores das eleccións municipais en Foz e despois de non ter participado en diferentes informacións durante estes 10 días, soamente de forma interna tratando de chegar a algún acordo, como nos piden os cidadáns e como forza máis votada e gañadora destas eleccións, queremos facer unha serie de reflexións para todos os focenses, e sobre todo para aqueles que fan como portavoces dos partidos políticos perdedores nas eleccións municipais de Foz”, manifestou Javier Castiñeira.
O presidente do PP focense engade: “principalmente acusamos ao Partido Socialista de querer fundir ao Concello na súa propia crise; a proposición dunha coalición de esquerdas despois de 6 anos de diferenzas, de reproches, de idas e vidas de candidatos cunha brecha totalmente aberta entre dúas persoas, que está afectando claramente ao Partido Socialista, que se atopa nunha fase terminal e completamente podre, tratando agora de facer unha coalición de esquerdas cando non se entenden entre eles mesmos paréceme verdadeiramente vergonzoso e que non atende ao que dixeron os veciños de Foz nas eleccións. O Partido Socialista é o gran perdedor destas eleccións, baixando cerca de 600 votos e chegando a unha cota mínima de 1.400 votos, o que nunca pasou no PSOE de Foz”.
Castiñeira pregunta se nestas circunstancias “¿algún focense pode imaxinar unha coalición de goberno? ¿Quen vai ser o alcalde? ¿Como se van tomar as decisións? ¿Vanse limar as asperezas entre uns e outros? ¿Cal vai ser a postura do BNG? ¿Algún veciño pode imaxinar ao BNG votando a favor doutros candidatos cando leva dicindo que non apoiará ningún goberno que non sexa o do máis votado e que se van abster en todas as votacións? ¿Cales son as directrices do BNG, vai permitir que nesa podremia o Partido Socialista e demais partidos que naceron ao seu arredor gobernen dende a desunión e dende as diferenzas de políticas en Foz? ¿Vaise meter nese campo embarrado o BNG?”
Para o responsable do PP de Foz “mentres no Partido Socialista non se corrixan e non se quiten moitas persoas; e non só o señor Cancio, que verdadeiramente eu creo que agora mesmo é un fantasma político, pero hai moita xente detrás, como os señores Val, Ramalleira e Candia, a nivel local en Foz, pero tamén os señores Besteiro e Santín, que o único que fan é tomar decisións en contra da corporación municipal de Foz, e non haxa partidos de verdadeiro interese xeral en Foz, como é o Partido Popular, e nazan partidos das diferenzas, como foi Unifoz e como é agora mesmo a Plataforma, eu entendo que non se poden tomar decisións que vaian en contra da vontade de todos os veciños. Polo tanto pido a maior sensatez e que primen os intereses de todos os veciños porque están xogando cos votos de moitas persoas”.
Javier Castiñeira rematou comentando: “fago estas reflexións dende o partido gañador das eleccións, que incrementou a súa porcentaxe de voto e que aumentou a súa diferenza co segundo partido máis votado. É o Partido Popular, que todos os votantes desexan que goberne este pobo, dende a sensatez, como o fixo no seu momento, con pactos puntuais ou de goberno. Pero pido que se nos dea a alternativa e que non se nos deixe para o final, despois de diferentes pactos verdadeiramente vergoñentos”.