Mondoñedo, 3 de xuño de 2015.- O Partido Popular de Mondoñedo denuncia que o actual alcalde en funcións do municipio, Orlando González, causou a perda dunha subvención de preto de 30.000 euros (25.937 euros) concedida pola Consellería do Medio Rural e do Mar para a creación dun centro de interpretación da Cova do Rei Cintolo.
En concreto, os populares explican que o Concello perdeu o dereito a cobramento da subvención tal e como recolle a resolución aprobada en Xunta de Goberno local de 21 de maio de 2015 e a través da que os populares tiveron constancia desta situación. O PP local precisa que na referida Xunta de Goberno se aproba a devolución por parte do Concello de 20.750 euros, importe enmarcado nunha perda total de 25.937 euros. “É sospeitoso que agarden ata agora para notificar unha resolución derivada da mala xestión do alcalde”, matizan dende o PP.
Dende o Partido Popular de Mondoñedo explican que a perda do dereito de cobro desta axuda débese a que o Concello non conta co correspondente permiso urbanístico. “Lévase dende o 19 de novembro de 2014 á espera de que a administración local faga chegar a correspondente documentación requirida dende Urbanismo para a tramitación do expediente, sen serlle atendida a petición”.
Así, os populares aseguran que este é un exemplo das contas claras que “nos deixa o alcalde froito da súa falta de xestión. Os veciños puxéronos onde o merecen, pero esta situación require, cando menos, dunha desculpa pública, pola perda de diñeiro que nunca se vai a recuperar”.
Levantaron unha obra sen os correspondentes permisos
Por último, os populares analizaran que se está ante unha obra levantada nunha ubicación incorrecta e esta situación evidencia que o Concello a levou a cabo sen contar coa correspondente autorización autonómica. “Os veciños se queren construír deben pedir licenza, o alcalde faino sen contar cos permisos oportunos”, conclúen.