Site icon Crónica3.com A Mariña

O rexedor popular de Foz adianta que a vindeira semana se decidirán as delegacións dos concelleiros do PP xa que “ningún grupo da corporación aceptou formar parte do goberno local”

Foz, 26 de xuño de 2015. O alcalde de Foz, o popular Javier Jorge Castiñeira, rematou as reunións cos outros tres grupos da corporación (PSOE, FPF e BNG) sen que ningún deles aceptase formar parte do goberno local. Polo tanto anunciou que na vindeira semana decidiranse as delegacións que terán os concelleiros do PP e haberá unha reunión da xunta de portavoces para preparar o pleno de organización.

Javier Castiñeira explicou que “despois das negativas de todos os grupos damos por concluídas as reunións para intentar chegar a un pacto de goberno con algún dos grupos da oposición. A última negativa foi a de Foz Plataforma de Futuro. Pero, a pesar de que os resultados son negativos posto que ningún dos tres grupos aceptou formar goberno ou facerse cargo dalgunha concellería con responsabilidade de goberno no Concello de Foz, eu creo que as valoracións son boas, porque serviunos para falar cos portavoces e para abrir os primeiros diálogos entre nós. E saco a conclusión de que quizais haxa unha corporación máis moderada, con máis ganas de participar en posibles acordos puntuais, aínda que non estean no goberno. As sensacións foron boas e eu quero agradecer aos tres portavoces as súas formas e invito a todos a seguir nese camiño, pois aínda que non houbo entendementos si nos reunimos e falamos cun bo ambiente de diálogo. Todos sabemos que existen asuntos puntuais nos que é necesario chegar a acordos e neste sentido eu creo que o principio desta lexislatura vai estar encamiñado a iso. Nos primeiros cen días dende o goberno prometemos informar a todos os grupos de cómo avanzan estes expedientes”.

Polo tanto o alcalde anunciou que durante a vindeira semana reuniranse os concelleiros do Partido Popular para repartir as áreas de goberno e para preparar o pleno de organización “e para finais de semana citarase tamén aos portavoces para plasmar ese borrador, informalos, intentar chegar a acordos e se hai que facer algunha modificación tamén estamos abertos a iso para que antes do 13 de xullo, que é o prazo definitivo, o pleno de organización estea listo”.

Exit mobile version