Site icon Crónica3.com A Mariña

O SLG denuncia que o abandono dunha rota de recollida, por parte da empresa Leitigal, S.L. deixa en situación desesperada a máis de vinte explotacións gandeiras da Mariña

28 de xuño de 2015.- Sen previo aviso, con escasamente 4 días de marxe, o camioneiro que fai a recollida, comunicoulles ás gandeirias, de palabra e sen máis miramentos, que a finais de mes non vai seguir recollendo.

Ao igual que está pasando noutras zonas do país, estamos diante dun exemplo máis do proceder ao que nos ten acostumada a industria, que abusa e chantaxea ao sector produtor. No caso que nos ocupa, na Mariña son máis de 20 as gandeirías afectadas, que producen aproximadamente 20,000 litros diarios.

As explotacións afectadas, algunha delas con contrato en vigor até marzo de 2016, teñen en poucos días que buscar novo comprador, co que isto significa de desprotección absoluta diante da industria.

Chama a atención que, diante desta situación, que se está a xeneralizar en todo o país, a Consellería do Medio Rural non tome ningunha iniciativa para esixir responsabilidade á industria, peza chave para que o sector lácteo siga a ser un sector estratéxico en Galiza.

Desde o Sindicato Labrego Galego demandamos responsabilidade de todas as partes, de cara a evitar a ruina e o peche destas explotacións.

Exit mobile version