Site icon Crónica3.com A Mariña

O XXI Festival de Bandas de Ribadeo trasladouse por temor á choiva ao auditorio municipal, que estivo repleto de público.

290615 FOTO CONCERTO BANDA RIBADEO NO FESTIVALRibadeo, 29 de xuño de 2015.- A XXI edición do Festival de Bandas de Ribadeo, organizado pola asociación Amadores da Música, trasladouse do parque de San Francisco ao auditorio municipal Hernán Naval por temor a choiva, debido á inestabilidade meteorolóxica que houbo na xornada de onte.

O auditorio estivo repleto de público para seguir as actuacións das bandas de música Sementeira, de Cambre; Vila de Cedeira e Municipal de Ribadeo. Ao rematar o festival os directores das tres bandas (Francisco Javier Vidal Suárez, Mateo Gómez Naval e David Ballester Martínez) recibiron un recordo do Concello, concretamente unha reprodución artesanal da Casa do Concello ribadense, que lles foi entregada pola responsable municipal de Cultura, Mari Luz Álvarez Lastra, quen destacou o labor de todas as directivas da asociación Amadores da Música, que fixeron posible que este evento chegara á edición número 21.

Matrícula gratis na escola municipal
Por outra parte, a asociación Amadores da Música, de Ribadeo, recorda que subvenciona o custe total da matrícula na escola municipal ribadense no curso 2015-2016 para os alumnos das distintas especialidades de vento-madeira e vento-metal, porque son as máis demandadas na Banda de Música Municipal de Ribadeo.

Dente a xunta directiva de Amadores da Música anunciaron que “por segundo ano consecutivo, esta asociación vai subvencionar o 100 por 100 da matrícula na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo para aqueles e aquelas alumnos e alumnas das distintas especialidades de vento-madeira e vento-metal por ser estas as máis demandadas pola propia banda. No caso da percusión esta asociación resérvase o dereito de admisión”.

O prazo de matrícula na Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo será do 1 ao 15 do vindeiro mes de xullo e para obter máis información sobre como beneficiarse da matrícula gratuíta os interesados poden contactar co director da escola, Hugo García; co director da Banda de Música Municipal de Ribadeo, David Ballester; ou do presidente de Amadores da Música, José Luis Pulpeiro.

Exit mobile version