Site icon Crónica3.com A Mariña

O XXI Torneo de fútbol sete de Villaronte repartirá 2.500 euros en premios

futbol7-vilaronteVilaronte, 6 de xuño de 2015. O Campo de Fútbol de O Castro, en Villaronte (Foz), acollerá, a fin de semana do 10, 11 e 12 de xullo o XXI Torneo de Fútbol 7, así o anunciaron hoxe representantes da súa organización que segundo explicaron “tralo éxito do ano pasado, cando se retomou o torneo despois duns anos de ausencia, animámonos a dar continuidade a unha cita deportiva que de seguro volverá a ser referencia tanto na localidade como na comarca”.

Nesta XXI edición repartiranse 2.500 euros en premios (sempre e cando participen 24 equipos), ademais dos trofeos correspondentes. Así, o primeiro clasificado recibirá 1.500 euros máis trofeo, o segundo 700 euros e trofeo, mentres que para o terceiro clasificado está previsto un premio de 300 euros, acompañado de trofeo. Asemade, haberá trofeos para o cuarto clasificado, así como para o máximo goleador do campionato e para o porteiro menos goleado.

Coa organización deste torneo, que conta coa colaboración da área de Benestar Social e Deporte da Deputación de Lugo e do Concello de Foz, así como da Asociación Sociocultural O Castro, de Villaronte, preténdese ofrecer “unha fin de semana para practicar un deporte ‘de masas’, que máis que nunha competición, se converterá nunha oportunidade para pasar un rato agradable entre amigos fomentando as relacións sociais e conceptos como a solidariedade e o compañeirismo no deporte”.

A inscrición ten un custe de 120 euros por equipo, e cada un deles estará formado como máximo por un total de 16 xogadores. Así mesmo, poderán inscribirse ata 24 equipos. O prazo de inscrición estará aberto ata o mércores 8 de xullo. Dende a organización animan “a anotarse canto antes nunha cita que, de seguro, será unha auténtica festa do fútbol”.

Para formalizar as inscricións ou solicitar máis información poden poñerse en contacto coa organización a través do enderezo electrónico futbol7vilaronte@gmail.com ou nos teléfonos 669 10 68 17 – 671 21 41 03.

Exit mobile version