Site icon Crónica3.com A Mariña

Obrigas laborais impiden que o concelleiro do BNG en Lourenzá acuda ao pleno de toma de posesión

Lourenzá, 13 de xuño de 2015.- O concelleiro nacionalista elixido o pasado 24 de maio no concello de Lourenzá vese impedido, por motivos laborais, para asistir aos plenos municipais, a comezar polo propio pleno de toma de posesión que se celebra este sábado ás 12 horas.

Segundo explica César Docampo “recentemente iniciei unha andaina profesional, despois de tempo parado, que me obriga a estar lonxe de Lourenzá durante toda a semana e parte das fins de semana. Deste xeito é realmente complicado conciliar a labor de concelleiro, que require dunha dedicación para estudar e estar presente nos asuntos municipais, coas obrigas laborais.” Docampo sinala que “aínda que fixemos o posible por poder atender ás obrigas municipais e asistir á sesión plenaria, a situación actual non me permite estar presente no pleno.”

Desde o BNG sinalan que a situación de César Docampo é similar á de miles de galegas e galegos obrigados a marchar lonxe da súa casa para buscar traballo e, en todo caso, cren que “é lóxica a incompatibilidade para exercer a labor de concelleiro”.

A formación nacionalista prevé nos vindeiros días formalizar a renuncia do edil electo e facer os trámites oportunos para a súa substitución na corporación municipal, quedando así garantida a presenza nacionalista en Lourenzá e o “traballo diario polos intereses das veciñas e dos veciños.”

Exit mobile version