Santiago de Compostela, 05 de xuño de 15. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, reclamoulle este venres ao goberno galego que se poña “do lado do sector” da pesca de cerco para defendelo e propoñer un modelo de reparto de cotas alternativo que permita sobrevivir aos buques galegos. Así o dixo no debate dunha pregunta oral na Comisión de Pesca celebrada hoxe no Parlamento.
Considera “moi grave” que a Xunta se escude agora nun suposto acordo do sector sobre o novo reparto de cotas, cando “o 90 por cento está en desacordo. Sinalou que “o modelo pode ser legal, pero é unha decisión política do goberno do PP que os dereitos históricos teñan un peso do 70 por cento sobre os repartos”, e considera “incomprensible que “si compro un barco que leva 10 anos pescando xurelo non poida dedicarme a pescar xarda”.
O responsable socialista desafiou á Xunta a “dicir abertamente que o seu obxectivo é que queren reducir o número de barcos de cerco que faenan dende os portos galegos”. Advertiu que os armadores continúan “tremendamente preocupados” por esta situación, malia un descenso da tensión debido a que “hoxe están faenando en alta mar”.
Inspección
José Ramón Val acusou ao goberno galego de “obrigar a traballar no límite da legalidade para poder dar de comer ás familias”, ao que responden cunha labor inspectora “desproporcionada, que nada ten que ver co control da legalidade”. Sinalou que cada vez hai mais casos de buques galegos obrigados a interromper as súas costeiras por ser abordados e retidos polas patrulleiras.
O portavoz socialista puxo como exemplo un buque de Burela escoltado ata o porto de A Coruña para descargar a súa pesca, ou outro que estivo parado cunha inspección de mais de tres horas en alta mar, os dous obrigados a separar a pesca para constatar que non había ningunha ilegalidade.
Reclamoulle ao goberno galego que tome a iniciativa para reunirse coas forzas de seguridade e fixar uns criterios e unhas marxes de actuación que permitan exercer un control efectivo sen prexudicar á xornada duns buques que xa parten coas súas posibilidades de pesca moi limitadas.