Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas presentan a Darío Campos Conde como candidato do PSOE a presidir a Deputación de Lugo

LUGO, 24 DE XUÑO DE 2015.- Os socialistas da provincia de Lugo presentan a Darío Campos Conde, Alcalde da Pontenova, como candidato do PSdeG-PSOE a presidir a Deputación de Lugo co fin de garantir a continuidade das políticas progresistas que nos últimos 8 anos se levaron a cabo dende o organismo provincial con José Ramón Gómez Besteiro na Presidencia.

Darío Campos Conde fixo da Pontenova un bastión do PSOE con tres maiorías absolutas e consecutivas, que o converteron no Alcalde socialista da Mariña cos mellores resultados. O seu exitoso traballo dende que forma parte do PSdeG-PSOE fai que os socialistas o apoien para ser o Presidente da Deputación de Lugo, no que sería o terceiro mandato progresista na institución (2015-2019). Cómpre lembrar que José Ramón Gómez Besteiro foi o primeiro socialista da historia que acadou a Presidencia da Deputación de Lugo no 2007, e que revalidou dúas veces máis, no 2011 e 2015.

Campos Conde naceu o 11 de outubro de 1965 en Vilaoudriz, na Pontenova. Está casado e ten 3 fillos. É Licenciado en Veterinaria. Estudou no Campus de Lugo, formando parte da primeira promoción de Veterinaria da Universidade lucense, que data do ano 1984. Traballou a tempo completo como autónomo, facendo clínica veterinaria e prestando servizo a gandeiros da provincia, ata implicarse na esfera política.

Fíxoo no 2006 cando, tras máis dunha década na que o PSdeG-PSOE non tivo representación na Pontenova, decidiu afiliarse a esta formación e formar un equipo socialista neste Concello “coa única intención de axudar á xente”.

Nas eleccións municipais do 2007, encabezou a lista do PSdeG-PSOE na Pontenova. A súa estrea na política foi un éxito, posto que Campos Conde converteuse en Alcalde da Pontenova logo de que o seu renovado equipo socialista ganase por maioría absoluta os primeiros comicios aos que concorrían.

Dende entón, Campos Conde revalidou a ampla confianza dos seus veciños eleccións tras eleccións, posto que ganou as citas municipais coas urnas de 2011 e 2015. Neste último ano ata superou o apoio recibido anteriormente ao acadar o 60% dos votos. Fixo da Pontenova un bastión do PSOE con tres maiorías absolutas e consecutivas, que o converteron no Alcalde socialista da Mariña cos mellores resultados.

Recentemente, foi elixido como un dos representantes socialistas na Corporación Provincial polo partido xudicial de Mondoñedo.

A Comisión Federal de Listas do PSOE propuxo hoxe a Darío Campos Conde como candidato socialista a presidir o organismo provincial lugués despois de rexeitar a proposta elevada polos órganos provinciais do PSOE de Lugo.

Exit mobile version