Site icon Crónica3.com A Mariña

Os socialistas reclámanlle “autocrítica” á Xunta logo de provocar a perda dun Permex cada 4 días dende 2010

Santiago de Compostela, 05 de xuño de 15. O portavoz de Pesca do Grupo Socialista, José Ramón Val, reclamoulle “autocrítica” ao goberno galego logo de advertir do fracaso sen paliativos da súa xestión do sector marisqueiro. No debate dunha pregunta oral na Comisión de Pesca, sinalou que Galicia perdeu 375 permex entre 2010 e 2014, a razón de un cada catro días, pasando de 4.123 a 3.748.

Esixiulle ao goberno galego que “intenten mellorar a situación destes homes e mulleres, que bastante complicado o teñen como para que veñan os responsables da Xunta a dicir que a situación é boa”. Lonxe desta visión optimista do goberno galego, explicou que os profesionais do marisqueo sofren o desleixo da Xunta fronte ao furtivismo e a alta contaminación das rías.

Cada mes vén cómo os ingresos pola súa actividade diminúen, chegando a que neste momento os mariscadores perciban unha media de 426 euros mensuais logo de perder ata o 40 por cento da produtividade de especies importantes como a ameixa fina, xapónica ou o berberecho.

A realidade é que a contaminación debilita ás poboacións, que fican diezmadas polos efectos dos parasitos, e o goberno galego cala mentres a Ría de A Coruña ten que estar pechada 3 meses por un vertido que “a día de hoxe o goberno galego ou non sabe ou non quere dicir de onde veu”.

Resumiu que “os problemas estruturais do sector seguen sen abordarse, a contaminación das rías segue sen resolverse, prométense todos os anos actuacións para este fin nos orzamentos da Xunta que ao final non se acometen e o aumento do furtivismo é algo á vista de todos”.

Exit mobile version