Site icon Crónica3.com A Mariña

Pérez Herráiz denuncia que “a falta de implicación do Ministerio pon en risco a continuidade das poucas industrias que hai en Galicia e Asturias”

Madrid, 18 de xuño de 2015.- A deputada socialista por Lugo Margarita Pérez Herraiz reclamou o Goberno -mediante unha pregunta oral ao Secretario de Estado de Telecomunicacións na Comisión de Industria do Congreso- “que adopte medidas concretas e acertadas para cumprir coa normativa europea pero non prexudicar a competitividade das industrias de España”.

Pérez Herraiz advertiu que “a falta de implicación do Ministerio está a poñer en risco a continuidade das poucas industrias” “en Galicia e Asturias”. Así, destacou que “territorios como Galicia teñen moi pouca actividade industrial, polo que o risco de que esta actividade diminúa prexudicaría moito o conxunto da economía e moi especialmente o emprego”.

Ao respecto, sostivo que “o custo da enerxía para industrias como Alcoa, Megasa e Ferroatlántica e a compensación do devandito custo a través de poxas anuais de interrumpibilidade está a poñer en grave risco a súa competitividade e a súa permanencia en Galicia”.

A deputada socialista asegurou que “o cambio da tarifa GR-4 pola poxa, para as industrias con consumo enerxético intensivo, non está a cumprir os seus obxectivos de axustarse á normativa europea e permitir ao tempo a competitividade da industria española”.

Sobre este punto, criticou que “o ministerio de Industria unicamente está a ter como obxectivo reducir os custos para Rede Eléctrica Española, pero é necesario tamén ter en conta a necesidade de que as industrias manteñan actividade en España”.

Deste modo, sinalou que “outros países europeos como Italia e Alemaña resolven os problemas que pode formular a normativa europea de xeito máis satisfactoria que o Goberno de España”. Ademais, incidiu en que “a UE permite unha intervención dos estados que España non está facendo” e ten recorddo que “o Parlamento Europeo en 2014 aprobou unha resolución co fin de garantir un marco estable para o investimento e o emprego a nivel interno nos países membros”.

“Ao non poder coñecer os custos de produción, as empresas están a facer o mantemento mínimo e non planifican investimentos de futuro” -afirmou.

Por iso, Pérez Herraiz indicoulle ao Secretario de Estado que “mesmo sen modificar a Orde Ministerial que regula a poxa se poden facer as cousas mellor”. Como exemplo, formulou “que a poxa sexa antes de outubro cando se pechan os contratos, que se subhasten máis bloques, que a duración sexa superior a un ano, que se estableza un bloque intermedio entre 90 e 5 MW, e que se dediquen a este concepto 600 millóns porque se empezou con 750 e o ano pasado foron só 500”

“Poderíanse anticipar as poxas de modo que este mesmo ano, en diferentes momentos, houbese a poxa para 2016, 2017 e 2018, e o Goberno podería mediar para que houbese acordos bilaterais entre as industrias consumidoras e as subministradoras para dar estabilidade” aos custos de enerxía” “por prazos superiores a un ano” -reclamou.

Ao finalizar o debate, reprobou que “o PP esqueceu que o Comité de empresa de Alcoa San Ciprián e o Conselleiro responsable deste tema na Xunta de Galicia acordaron o pasado ano valorar como funcionou o sistema de poxa e buscar un marco estable para a fixación do custo da enerxía para as empresas de forma que non sexa un lastre para elas”.

Exit mobile version