Acompañados polo vicepresidente do CD Burela FS Pescados Rubén, José Luis Sáez, e o secretario técnico, Juanma Marrube, ademais de adestradores e delegados, os rapaces foron recibidos este luns á mañá no salón de plenos polo alcalde, Alfredo Llano, e o concelleiro Ramiro Fernández, que felicitaron os deportistas e o club polos títulos acadados.
“O fútbol sala é moi importante para Burela; os vosos logros e os do CD Burela FS Pescados Rubén represéntanos a todos os vecinos“, destacou Alfredo Llano, animando os rapaces a seguir traballando polo que lles gusta. “Unha dos nosas prioridades en Deportes é a formación de base e para iso traballaremos; no fútbol sala tedes un gran espello no que mirarvos en Primeira División; aproveitade esa oportunidade”, engadiu Ramiro Fernández.
Dende o club laranxa, José Luis Sáez agradeceu “o compromiso e dedicación de técnicos e delegados ao longo da tempada, nunha tarefa que non é nada doada ás veces, e o apoio da base brindado dende o Concello de Burela”. Tamén felicitou a Cadete A e B “non só polos títulos senón sobre todo polo esforzo do día día”. “Só con traballo se obteñen froitos”, puntualizaba Juanma Marrube.
2015-16
O CD Burela FS Pescados realizará este martes e mércores os adestramentos de acceso 2015-16 para cadetes (17.00-18.30 horas) e xuvenís (18.30-20.00) en Vista Alegre.
Ata o martes 30 de xuño estará aberta a matrícula da ED Burela FS 2015-16, destinada aos grupos de Miniprebenxamín, Prebenxamín, Benxamín, Alevín e Infantil; coa incorporación da categoría de Iniciación, correspondente aos nen@s nacid@s en 2010 e 2011.