Site icon Crónica3.com A Mariña

Xoel García Neira, do Kayak de Foz, séptimo na Copa de España “JJ.PP.” Infantil K1

100_6234Foz, 30 de xuño de 2015.- O K2 feminino do Kaiak finalizou tamén sétimo na Copa de España.

Mala sorte para o K2 cadete do Kaiak que rompía nunha presa cando ía en segunda posición, a falta de 1200 metros para liña de meta do Descenso Ibérico.

Unha de cal e outra de area no desprazamento do Club Kaiak de Foz este pasado fin de semana a Zamora. O sábado, no circuíto da Aldehuela, en Zamora, os infantís ían participar na Copa de España de Novas Promesas na distancia de 3000 metros. O domingo, era a quenda dos cadetes no 42 Descenso Ibérico sobre unha distancia de 6000 metros entre a presa de Villaralbo e a ‘Ponte de Pedra’ en Zamora, lugar onde estaba situada a meta.

Zamora recibía o venres as sete da tarde con 34 graos de temperatura e un sol de xustiza á expedición do Kaiak. Esta meteoroloxía era un adianto do que se ían encontrar os padexeiros e acompañantes ao longo do completo fin de semana de competicións. O Hotel, situado nunha tranquila zona de Zamora era tamén o aloxamento do CP Portonovo e doutros clubs Sevilla e da comunidade balear.

A inscrición para esta Copa de España formábana 67 clubs chegados de todos os puntos de España. A representación máis nutrida era a de Galicia con 16 clubs, Asturias con 11 e Castela e León con 7 clubs. O resto de clubs inscritos pertencían a Andalucía (5), Baleares (5), Madrid (4), País Vasco (4), Valencia (3), Extremadura (3), Navarra (2), Castela-A Mancha (2), Rexión de Murcia (2), Aragón (1), Ceuta (1) e Cataluña (1). Esta Copa de España estaba dividida en dúas sesións: na xornada matinal íanse disputar todas as probas de barcos individuais (K1 e C1) mentres que a xornada de tarde era para os barcos de equipo (os K2 e os C2).

O sábado amenceu moi cedo para o Kaiak pois o almorzo estaba fixado para as sete e media da mañá. Tras encher os depósitos de enerxía, ás oito e cuarto o Kaiak partiu cara ao campo de regatas nas inmediacións do paseo da Aldehuela, no río Douro, pois ás dez da mañá se disputaba a primeira regata do día con representación focense. Era o momento de Paola e Naila, as dúas rapazas infantís B.

Muller Infantil B K-1
Puntualmente, ás dez da mañá, deuse a saída a esta primeira regata do día, a de muller infantil B K1 sobre os 3000 metros. A proba consistía en dar dúas voltas a un circuíto balizado de 1500 metros. O Club Kaiak estaba representado por Paola García Neira (392) e Naila García Neira (375). Nada máis darse a orde de saída, as 56 mulleres inscritas lanzáronse nun frenético sprint para ocupar as mellores posicións de cara a evitarse os golpes, cruces, empuxóns que sempre suceden neste tipo de saídas. Tras unha saída complicada para as rapazas do Kaiak, foi Paola García a que conseguiu meterse no grupo cabeceiro. A súa irmá Naila, tras varios empuxóns e toques, situouse na parte traseira do paquete central lugar do que lle resultou imposible saír. Tras pasar a primeira das tres ceavogas fixadas, dous padexeiros destacaban por enriba do resto de participantes: eran Carmen Martínez do ‘CP Cadeira’ de Valencia e Celia Toledo do ‘CP Cuenca con Carácter’. Estas dúas rapazas comezaron o seu periplo case en solitario polo circuíto, perseguidas por un terceto formado pola galega Nuria Romero do Kayak Tudense, Lea Oresttig do Kayaks Siero e Concepción Machado do Lipasam sevillano.

Foi a valenciana do CP Cadeira, Carmen Martínez, a que finalmente conquistou a Copa de España da súa categoría, parando o crono en 15:06.48. En segundo lugar entrou o padexeiro da Cuenca, Celia Toledo, a tan só 02.3 segundos e en terceiro lugar entrou a galega do Kaiak Tudense, Nuria Romero, a 21.81 segundos da vencedora.

Excelente regata a de Paola García que finalizou no posto 19, parando o crono en 16:50.28, a 01:43.8 da vencedora. Pola súa banda, a súa irmá Naila entrou no posto 40, parando o crono en 18:13.2 a 3:06.72 da valenciana do CP Cadeira, Carmen Martínez. Á vista destes resultados, Paola ten moi boas perspectivas de cara ao campionato galego da distancia xa que foi o terceiro mellor tempo galego.

Home Infantil B K1
Media hora máis tarde da regata das rapazas, era a quenda de Fran Rubio (número 256). Ante el abríase unha liña de saída con 93 padexeiros dispostos a conquistar o título da copa de España da súa categoría. Na liña de saída, xunto a Fran, compañeiros e coñecidos das regatas da liga galega de infantís, como Marcos Muñiz e Adrián Padín do Portonovo ou Miguel Paz do Verducido (ao final tivo que abandonar).

Nada máis darse a saída, xa se ven as primeiras aventuras amorosas e batallas, manobras que benefician a uns e prexudican a outros, como lle sucedeu a Fran que, nun momento determinado, tivo que deixar de remar para evitar irse á auga por culpa dunha batalla que tiña pola súa proa. Este feito sumado á cantidade de padexeiros que disputaban a regata, foron os causantes de que o padexeiro de Kayak quedase relegado a unha posición máis atrasada do que del se esperaba.

Por diante era un padexeiro do CP Sella, Ricardo García, quen marcaba as diferenzas co resto de participantes. Tras el circulaban, en intento de caza constante, Jaume Vich do CV Porto de Andraitx e Jesús Sánchez del Lipasam. Os metros ían caendo do lado do padexeiro asturiano do CP El Sella ata que irremediablemente cruzaba en solitario a liña de meta, parando o crono 14:10.21 e coroándose, deste modo, Campión de Copa da súa categoría. Trece segundo máis tarde entraba Jaume Vich, a 13,22 segundos do gañador seguido de Jesús Sánchez, 5 segundos por detrás del.

O padexeiro do Kaiak, Fran Rubio Pacios, cruzou a liña de meta no posto 25, parando o crono en 16:12,22, a 2:02.01 do vencedor. Ao igual que sucede coas rapazas, estes resultados animan á esperanza dunha boa marca no campionato galego da distancia xa que o seu crono foi o terceiro mellor crono galego.

Home Infantil A K1
A última regata da mañá poñía en xogo en título de campión de copa na categoría home infantil A k1. 115 padexeiros ían pelexar polo ansiado título e, entre eles, estaba Xoel García Neira, padexeiro do Club Kaiak de Foz. Xoel viña a esta copa coa idea de igualar o cuarto posto obtido o pasado ano. Xunto a el, vellos rivais e amigos como Adrián García de la Escuela Placentina de Piragüismo, Gabriel Pachón del Riberas do Tambre ou José Peral del Lipasam sevillano.

A saída de Xoel foi espectacular, saíu como un sputnik polo centro do río, collendo auga limpa e sen ninguén que o estorbase apunto o K1 cara á primeira boia da ceavoga. Xusto cando comezaba a virar viuse encaixado por dous barcos, o que lle obrigou a parar e a rectificar a súa trazada perdendo é preciosa primeira posición en favor do padexeiro da Escola Placentina, Adrián García. As regatas, cando se dan igualdade de condicións, se gañan ou perden polos detalles. A partir de aí, a regata converteuse nun constante intento por parte de Xoel de dar caza aos de cabeza. Só contra todos, aproveitando a onda dos padexeiros que tiña por diante foi remontando, dando caza primeiro a Abel García (137) do CP Sirio, Miguel Serrano (98) do El Gaitero, Miguel Ángel Bote (139) do Emiratae, Bernat Josep (133) do Andraitx ata situarse dentro dos dez primeiros.

Mentres Xoel remontaba posicións, e descartados Pachón e Pereira para repetir praza de podio (foron 2º e 3º respectivamente no 2014) por diante Adrián García de la Escuela Placentina e Nel Sánchez e Diego Infiesta, ambos os dous do RGC Covadonga, tíñanllela tesas pelexando polos tres postos de podio. Ao final Adrián García levouse a vitoria nun pechado sprint, (repetindo a vitoria do ano pasado) e parando o crono en 13:21,16. Tras el, a 3,68 segundos, entrou Nel Sánchez do RGC Covadonga en segundo lugar, sendo terceiro a 4.33 do vencedor Diego Infiesta tamén do RGC Covadonga.

Xoel tras a súa remontada, finalizou nun meritorio sétimo posto a 39,63 segundos do vencedor. Non puido igualar o resultado do ano pasado, pero confírmase o bo estado de forma do piragüismo galego nesta categoría, con Pachón del Riberas do Tambre 4º e Xoel del Kayak 7º.

Barcos de equipo
Tras un merecido descanso, pola tarde era a quenda dos barcos de equipo: Paola e Naila García competirían en muller infantil B k2 e Xoel e Fran na categoría home infantil A K2. Para todos, a distancia a cubrir sería de 3000 metros.

Ás cinco da tarde era a quenda de Paola e Naila García na categoría muller infantil B K2. Na liña de saída 13 barcos, dos cales 9 eran de tripulacións galegas, esperaban o sinal dos xuíces para comezar a regata. Nesta ocasión foi unha saída limpa e clara, sen problemas de colisións; había río para todos. Tras a primeira ceavoga os barcos foron definindo e defendendo as súas posicións facendo que fose esta unha das regatas máis tranquilas da xornada. As rapazas do Kaiak acusaron a falta de adestramentos, á vista da súa sétima praza conseguida.

O barco do Tudense composto por Nuria Romero e Candela Fernandez conseguiron a vitoria parando o crono en 14:17.64. Doce segundos máis tarde entraba en segunda posición o barco de Cuenca Con Carácter e 23 segundos máis tarde o K2 do Lipasam sevillano en terceira posición. O K2 de Naila e Paola García entraba en sétima posición parando o crono en 15:56.87, a 1:39.23 do gañador.

56 barcos dábanse cita ás seis da tarde na regata home infantil A k2. O Barco do Kaiak formado por Xoel e Fran tiña como obxectivo entrar entre os 18 primeiros para ter o pase directo a semifinais no Campionato de España de Pista. Tras darse a saída, as tripulacións que comandaban a regata eran as formadas polos padexeiros que coparan os primeiros postos nas regatas dos barcos individuais. Así, os primeiros postos estaban ocupados por barcos do Ribeiras do Tambre, RGC Covadonga e Lipasam. Tras a saída, o K2 do Kaiak situouse no paquete central, afastado dos postos de cabeza, practicamente sen opcións reais a meterse no top ten da proba. Tras as dúas voltas establecidas, a vitoria decantouse do lado do barco do club Riveras do Tambre formado por Gabriel Pachón e Anxo Martínez, parando o crono en 12:26.36. Só 3,30 segundos máis tarde entrou o barco do RGC Covadonga de Diego Infiesta e Nel Sánchez en segundo lugar. O terceiro en entrar foi o barco do Lipasam sevillano formado por José Peral e Alejandro Relinque a 26.32 segundos do vencedor.

O K2 do Kaiak formado por Xoel García e Fran Rubio entrou no posto 19, a 1:56.41 dos gañadores pero fóra do top 18 por dez segundos, o que os vai obrigar a disputar unha contra o reloxo no campionato de España de pista para conseguir praza en semifinais.

O Kaiak de Foz no ’42 Descenso Ibérico’
O domingo era a quenda dos cadetes Juan Rivas e Noel García no 42 Descenso Ibérico. A hora, as once menos cuarto na presa de Villaralbo. Tras un bo almorzo e unha curta viaxe, ás dez e media da mañá o k2 do Kaiak de Foz e a súa tripulación estaban a esperar quenda para baixar ao río. Para os participantes infantís e cadetes, o descenso do Douro só ten unha pequena complicación que é unha presa a menos de 1500 metros da chegada, a cal ou ben se portea, ou ben se salta. O Descenso Ibérico, para as categorías de Xuvenís, Séniors e Veteranos comeza 16 quilómetros río arriba da presa, a cal ten que portear. O regulamento indicaba que tras o paso do terceiro K1 pola presa, se daría a saída aos barcos infantís e cadetes…

E así foi. Tras o preceptivo control de embarcacións na auga e tras unha longa e tensa espera cun sol de xustiza e 36º no río, ao paso do terceiro K1 deuse a saída lanzada para os cadetes e infantís. As forzas foron situando cada un no seu sitio. O K2 de Juan e Noel fixo un moi bo descenso, adiantando mesmo a barcos séniors e xuvenís… Tras case cinco quilómetros de percorrido, ao paso das piraguas polo paseo da Aldehuela, o K2 do Kaiak ocupaba unha excelente segunda posición na súa categoría e transmitía moi boas sensacións, cun remar alegre e áxil, sen dar síntomas de cansazo. Estas sensacións foron a alegría de toda a expedición focense xa que esta era a primeira vez que se enfrontaban estes dous cadetes a un descenso.

Pero a alegría pouco durou. Aproximábanse á presa e a consigna que levaban era que debería de actuar como os que tiñan por diante, ben portear ou ben saltar, segundo o que os de diante fixeran para non perder tempo con eles nin que lles colleran tempo os de detrás. E os de diante saltaron… e o K2 do Kaiak tamén. Nestas presas, unha pedra mal colocada pode abrir unha piragua de proa a popa nun suspiro e iso foi o que paso. No momento de saltar un ruxido continuo percorreu o casco do K2 ata que este quedou parado. Rapidamente Juan e Noel desembarcaron e portearon a presa, sen pensar que o K2 estaba ferido de morte. Tras portear, embarcaron e nada máis avanzar 5 ou 6 metros decatáronse de que non había remedio, o K2 tiña un burato importante no casco e se ía a pique. Tras nadar os aproximadamente 1200 metros que faltaban ata meta, suxeitando o K2 para que non se fose a pique, deron por finalizada a súa participación no descenso.

Como saíron da auga? Por suposto amolados, pero coas boas sensacións que lles deixou esta competición. Pelexaron cos outros 13 barcos da súa categoría ata situarse segundos, por detrás do K2 do CP Cangas Aventura-La Llongar, ao cabo, vencedor do descenso. Animados? Claro que si. As caras destes dous cadetes dino todo. Este foi o seu primeiro descenso, pero a bo seguro non vai ser o último.

Exit mobile version