Site icon Crónica3.com A Mariña

A aula CeMIT do concello burelés impartirá catro cursos de alfabetización dixital en agosto

Burela, 28 de xullo de 2015.- A Aula da Rede de Centros para a Modernización e Inclusión Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Rede CeMIT, do Concello de Burela comezará a impartir 4 cursos na vindeira semana.

O luns, 3 de agosto, iniciaranse 2 cursos dirixidos a nenas e nenos de entre 10 e 14 anos. Ambos terán unha duración de 12 horas, impartiranse de luns a venres e finalizarán o 18 de agosto. O primeiro deles será o curso Mecanografía para nenas e nenos, no que se amosará a correcta posición das mans á hora de escribir nun computador. Os rapaces realizarán diferentes leccións que consistirán na repetición dunha serie de letras para adquirir certa axilidade. Empregarase un programa libre para esta fin. O horario será de 10:00 a 11:00 horas. E o segundo será o curso Creación de carteis e postais para nenas e nenos. Con este curso os rapaces aprenderán a realizar carteis e postais mesturando texto, imaxes e formas a través do programa libre “Draw” incluído no paquete ofimático LibreOffice. O horario do curso será de 11:00 a 12:00 horas.

Xa o vindeiro martes, 4 de agosto, darán comezo 2 cursos dirixidos a adultos. Ambos terán tamén unha duración de 12 horas, impartiranse os martes e xoves e rematarán o 27 de agosto. O primeiro será de Iniciación á Informática, curso co que se pretende dotar, aos participantes, das destrezas e coñecementos necesarios para manexar un computador dun xeito básico. Esta actividade impartirase de 16:00 a 17:30 horas. E o segundo dos cursos para adultos será o de Retoque fotográfico. Os participantes deste curso iniciaranse no mundo do retoque fotográfico empregando a aplicación libre Gimp. O horario do curso será de 18:30 a 20:00 horas.

A Rede CeMIT da Xunta de Galicia configúrase como o instrumento fundamental para promover a alfabetización dixital da sociedade galega. A Rede CeMIT ten como obxectivo potenciar actuacións relacionadas co desenvolvemento da actividade económica, empresarial e da implantación dos servizos electrónicos, titorizando a cidadanía con maiores dificultades e proporcionándolles os medios e ferramentas necesarios para poder formar parte activa da Sociedade da Información.

Para inscribirse ou para solicitar máis información sobre as citadas actividades poden dirixirse á Aula CeMIT de Burela sito Casa da Xuventude – Rúa do Cancelo 1, a través da páxina web https://cemit.xunta.es/

Exit mobile version