Site icon Crónica3.com A Mariña

A Concelleira de Benestar Social e o Tenente Alcalde de Alfoz visitaron os centros da Fundación Eu Son en Burela

IMG_2222Alfoz, 25 de xullo de 2015.- O pasado mércores 22 de xullo a Concelleira de Benestar Social do Concello de Alfoz, Carmen Geada Maseda, e o Tenente Alcalde, Xabier Pardiñas Suárez, visitaron o Centro Ocupacional e o Centro de Día da Fundación Eu Son de Burela. Os dous membros do actual goberno de Alfoz, pertencentes ó Grupo Municipal de Veciños Independentes de Alfoz, reuníronse coa directora do centro Noelia Eijo, interesáronse polas actividades desta fundación que conta con tres usuarios do concello de Alfoz.

Durante a visita coñeceron de primeira man os distintos traballos que realiza Eu Son, fundación que presta servizos de atención a persoas con discapacidade intelectual, charlaron cos usuarios, estiveron presentes nun ensaio do grupo de música e observaron os traballos dos diferentes talleres do centro. Un dos momentos máis emotivos foi o encontro con Ana Remedios e Toñito, veciños de Alfoz, con quen compartiron parte da visita.

Previamente, nas dependencias do concello de Alfoz, Carmen Geada e Xabier Pardiñas, reuníronse con membros de Adace-Lugo, asociación de ámbito provincial, formada por persoas afectadas de dano cerebral sobrevido, a cal presta servizos de información, orientación e asesoramento a varias familias do Concello de Alfoz.

A Concelleira de Benestar Social, Carmen Geada Maseda, e o Tenente Alcalde, Xabier Pardiñas Suárez, queren agradecer ó persoal do centro Eu Son pola acollida recibida e ós membros da asociación Adace-Lugo pola predisposición a visitar o concello de Alfoz, transmitíndolles unha gran admiración polo traballo que están a facer e mostrando un total apoio ás súas iniciativas.

Exit mobile version