Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación pontenciará ós artesáns e activará ferramentas a prol dos emprendedores para procesos de venda e internacionalización

Lugo, 4 de xullo de 2015.- A presidenta da Deputación de Lugo, Elena Candia, puxo en valor a riqueza do patrimonio artesanal que ofrece a provincia de Lugo e adiantou que o Ente Provincial esforzarase na formación deste sector a través de expertos, ao tempo, que apostará pola innovación e por poñer en marcha ferramentas a disposición dos emprendedores para procesos de venda e internacionalización.

Na súa visita á Feira de Artesanía de Outeiro de Rei, onde fixo un percorrido polos distintos stands, a presidenta salientou a riqueza que ofrece a provincia neste sector e puxo exemplos como a olería de Gundivós en Sober, a cerámica de A Mariña ou os propios cestos que Idoia Cuesta confecciona no seu taller, ubicado no propio municipio de Outeiro de Rei. Resaltou o traballo desta vasca, afincada neste municipio, especializada na cestaría contemporánea, e púxoa como un dos mellores exemplos de tesón e compromiso.

“Exemplos coma os de Idoia Cuesta lévannos a comprometernos e promover o talento dos artesáns galegos e consolidar un sector competitivo e transversal con opción de futuro da nosa provincia”.

Neste senso, a presidenta manifestou que dende a Institución Provincial potenciaranse a creación de novas empresas deste sector así coma puntos de venta e lugares aos que poden chegar as creación. “Serán obxecto da nosa acción de Goberno a defensa e promoción do talento artesanal, a recuperación dos oficios en perigo de extinción así coma a creación de novas empresas e asesoramento de expertos a todos os nosos creadores”.

O Centro de Artesanía e Deseño, un lugar aberto a todos os creadores da provincia
Por outra banda, Elena Candia afirmou que o Centro de Artesanía e Deseño está chamado a ser o punto de encontro para os creadores da provincia, un espazo dixo, “para potenciar a formación, e poñer a dispor dos emprendedores as ferramentas para que avancen no camiño da innovación e internacionalización dos seus produtos”.

A presidenta manifestou que estes traballos desenvolveranse baixo o paraugas do Plan de Artesanía de Galicia para o período 2014-1016 elaborado polo Goberno de Núñez Feijoo, un plan, dixo, ao que a Deputación de Lugo se sumará para darlle pulo a un sector en auxe.

Candia considera clave potenciar aos pequenos creadores que coa súa arte e o seu traballo difunden o nome de Galicia e da nosa provincial polo mundo enteiro.

Exit mobile version