Site icon Crónica3.com A Mariña

A economía galega medra moito menos que a española e que a da UE

Así é e así llo contamos: o crecemento económico galego está a ser moito menor que o promedio estatal e máis que o da Unión Europea: en 2014 a suba do PIB do Estado español (1,4%) e o da Unión Europea (1,3%) medraron alomenos o triplo que a n osa nación (0,4%). Galicia foi, nese ano, a comunidade autónoma que pechou a clasificación das comunidades autónomas por suba do PIB.

Nos tres quinquenios que levamos do século XXI, houbo un proceso de converxencia de Galicia co promedio da Unión Europea no período 2001-2009 (no que pasamos dun 75% a un 92,3% en renda por habitante) pero desde 2010 houbo unha reviravolta: comezou unha nidia diverxencia e a nosa renda per capita retrocedeu ata un 83% do promedio da UE, que era a porcentaxe que Galicia acadara xa en 2004.

Velaí unha década perdida na nosa andaina para chegar aos ingresos medios por habitante da Unión Europea… nese tecer e destecer no pano da nosa economía, como se quixese que repararamos, unha vez máis, nos fermosísimos versos de Xosé María Díaz Castro sobre Galicia-Penélope.
Parece que en 2015 imos polo mesmo camiño.

Ata agora só temos os datos de evolución do PIB do primeiro trimestre de 2015: o crecemento español respecto ao mesmo trimestre do ano anterior foi do 2,7%, o triplo do galego (0,9%); por máis que as lentes de aumento do optimismo do oficialismo lle fagan ver a quen as leva postas unha Galicia no país das marabillas, as frías estatísticas din outra cousa.

A industria (-0,4%) e, sobre todo, o sector agro-gandeiro (-0,9%) tiveron un comportamento negativo neste primeiro trimestre de 2015; esta última porcentaxe macroeconómica agacha a realidade da grave crise das explotacións gandeiras de Galicia, que están a recibir un prezo polo leite que está no mínimo desde 2009, por baixo do custo de produción. Atrás queda a estragada posibilidade de formar un gran grupo lácteo galego e experiencias tan desastrosas na utilización do diñeiro público nos últimos anos como a da Xunta de Galicia nunha coñecida planta de produción da Terra Chá.

Un factor clave para explicar a gran diferenza na evolución do PIB entre Galicia e España (crecemento cunha relación 1:3) está a ser a demanda interna; dentro dela, cómpre analizar a variación do compoñente máis importante cuantitativamente, que é o consumo das familias (cun peso do 80%): medrou na nosa nación no primeiro trimestre de 2015 un 1,3% mentres que a media estatal foi do 3,4%.

Menos persoas traballando… e peor retribuídas
A poboación ocupada de Galicia ao remate de 2014 era un 0,2% menor que un ano antes mentres que a media estatal subiu un 2,5%; velaí un factor clave para explicar a caída da demanda interna.

Ademais, o custo laboral por hora efectiva de traballo en 2014 foi un 12´8% maior no Estado español que en Galicia, polo que se xera unha menor demanda aquí, ao retribuír moito menos o factor de produción traballo.
Se a iso lle engadimos que tamén a pensión media de xubilación é moito menor en Galicia que no promedio español, teremos identificadas tres das causas do noso menor consumo privado.

O iglú da poboación ocupada no sector público
A conxelación salarial da poboación empregada no sector público, ano tras ano, desde o comezo da gran recesión de 2009, non fixo tampouco a súa achega á suba da demanda interna, e desde o seu iglú cadaquén intenta facer milagres coa súa conxelada paga.

Cómpre subliñar un factor diferencial de Galicia respecto das retribucións do persoal ao servizo da Administración Públicas noutras nacións e rexións do estado español: trala eliminación da paga extraordinaria de 2012, a maioría das comunidades pagaron as seguintes “pagas extra” con normalidade… pero a Galicia non chegou esa “normalidade” e, un semestre tras outro (e van cinco consecutivos) a poboación ocupada no sector público está a recibir só a metade do que por dereito tiña recoñecido.

Mesmo no 25% que se recuperou en 2015 da paga extra de Nadal non pagada en 2012, a Administración Pública galega “deu a nota”; o persoal ao servizo da administración estatal que traballa en Galicia (en competencias non transferidas á administración pública galega) cobrou ese 25% en xaneiro pero “o persoal da Xunta” cobrou daquela só un 12,5% … e o outro 12,5% no segundo trimestre do ano, o que ocasionou un aprazamento en moitas decisións de compra das familias… unha nova achega para que o total do consumo privado en Galicia medrase no primeiro trimestre de 2015 só un 1,3% (fronte ao 3,4% medio estatal) e a nosa economía seguise a viaxar no furgón de cola do comboio estatal.

Manuel Roca.

Exit mobile version