Site icon Crónica3.com A Mariña

A Feira do Bonito de Burela será presentada o vindeiro luns, 27 de xullo, en Lugo

Burela, 22 de xullo de 2015.- A XXXI Feira do Bonito será presentada o vindeiro luns nos locais da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo, segundo acaba de anunciar o alcalde de Burela.

Alfredo Llano contou que “xa falei cos responsables da Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de Lugo para facer este ano a presentación da Feira do Bonito na súa sede. Vamos ir o luns á unha da tarde para presentar o noso produto moi coñecido, como é o bonito de Burela, o do Norte, que se pesca todo de forma artesanal e que realmente ten un valor moi grande en todos os aspectos para o noso concello”.

O rexedor explicou que “eliximos esta sede dado que este é un produto que ten unha calidade extraordinaria e para presentalo de forma simultánea para que todos os restaurantes e hoteis poidan ofrecer este produto de gran calidade e moi popular, co que realmente van quedar ben sempre que o fagan con ilusión, con gañas e con sabedoría, como fan a maioría dos cociñeiros que temos na provincia. Queremos que polo menos en toda a provincia se saiba que temos un bo peixe, que queremos que se aprecie e que se coñeza esta Feira do Bonito, que se vai celebrar o día 1 de agosto no concello de Burela, en todos os lugares de Galicia e en Asturias”.

Llano pensa que “a través desa asociación vamos darlle unha difusión e unha relevancia importante e penso que vai ser moi bo, moi bonito e moi agradable para toda a xente que queira apreciar este produto, que vai ter unha oportunidade de velo servido de múltiples formas, que é o que nosoutros pretendemos”.

Exit mobile version