Site icon Crónica3.com A Mariña

A librería Bahía acolle o venres a presentación de ‘Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías’ de Antonio Reigosa

Presentacion_GaliciaEncantadaFoz, 27 de xullo de 2015.- O próximo venres, 31 de xullo, ás 20:30 horas na librería Bahía de Foz, terá lugar a presentación do libro Galicia Encantada. O país das mil e unha fantasías, de Antonio Reigosa.

O libro Galicia Encantada, o país das mil e unha fantasías, en edición de Antonio Reigosa, ilustrado por Noemí López, é unha das novidades da colección LIBROX de Xerais.

O proxecto Galicia Encantada naceu no seu día para navegar pola internet e, agora, dez anos despois, faise libro. Unha parte dos documentos atesourados na web durante este tempo, revisados e actualizados, transmútanse en papel impreso coa gozosa pretensión de compartir a marabilla dos mitos, lendas, ritos, contos e outros sucedidos, case sempre sorprendentes. Un cento de historias que percorren este «País das mil e unha fantasías» de norte a sur, de leste a oeste, do mar á montaña, da terra ao aire, da auga ao lume. Viaxes de ida e volta, desde o mundo real ao imaxinario e viceversa, guiados polo saber de máis de medio cento de coautores que exercen de cronistas da memoria dunha Galicia sabia e auténtica, irremediablemente encantada.

A presentación do libro é unha actividade organizada por Mariña Patrimonio e a Librería Bahia.

Exit mobile version